Escoitar

Aprobado o texto dun convenio con Caixanova para o fomento das novas tecnoloxías

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe luns un proxecto de convenio de colaboración con Caixanova, polo que esta entidade se compromete a achegarlle ao Concello 100.000 euros para o fomento das novas tecnoloxías.

luns, 23 out 2006
1161609750ordenadores.jpeg
Caixanova e o Concello renovarán con este convenio un marco de colaboración dirixido á proposta e realización de medidas e instrumentos de potenciación do uso das novas tecnoloxías por parte da sociedade viguesa.

O Concello, dentro da súa área de Participación Cidadá, ten entre as súas competencias a de achegar a administración cada vez máis aos cidadáns, coa incorporación progresiva das súas estruturas á sociedade da información. Neste sentido, o Concello desenvolve servizos de administración electrónica para ofrecer novas prestacións rexidas polos principios de axilidade, transparencia e eficiencia.

Actualmente a Concellaría de Participación Cidadá ten encomendada, entre outras iniciativas, a xestión do proxecto Vigo Dixital. No marco desta iniciativa trátase de desenvolver unha verdadeira rede de aprendizaxe na que participan tres ámbitos que forman parte da vida dos nenos: escolas, hospitais e fogares. O obxectivo de Vigo Dixital é que a cidadanía, as empresas e as institucións se beneficien da aplicación das novas tecnoloxías nos planos social e económico, mediante a utilización de servizos avanzados de telecomunicacións.

Centenario do Náutico

Outro proxecto de convenio aprobado hoxe luns é o referente á realización das actividades culturais do centenario do Real Club Náutico de Vigo. A Xunta de Goberno deu o seu visto bo a un texto segundo o cal o Concello achegará a esta institución cultural e deportiva 20.000 euros co mencionado fin.

Por outra parte, o Goberno local acordou solicitarlle á empresa concesionaria a renovación do colector de saneamento que atravesa o Colexio Público Carrasqueira, por uns 12.600 euros.

Así mesmo, foi acordada a modificación do acordo da Xunta de Goberno do 31 de xaneiro deste ano polo que se cedeu á Asociación de Xordos de Vigo o dereito de uso dun local no baixo do edificio situado na rúa Romil, 22-24. De acordo coa decisión adoptada hoxe polo Goberno local, a superficie cedida amplíase ao local colindante, de 86.000 m2.

Por último, a Xunta de Goberno recoñeceu a cantidade de 4,8 millóns de euros en concepto de investimentos efectuados por Aqualia con cargo aos ingresos obtidos por cotas de enganche, e autorizou o gasto de 790.000 euros para a subministración de vestiario para o persoal do Concello no periodo 2006-2007.
Descargar todas as imaxes