Escoitar

Presentadas novas actuacións para recuperar o Casco Vello

No seu segundo ano de vida, o Consorcio para a Rehabilitación do Casco Vello está traballando "a pleno rendemento", segundo afirma Corina Porro. A alcaldesa presentou hoxe venres proxectos e actuacións para a recuperación integral desta área da cidade.

venres, 20 out 2006
1161353563cascovello201006.jpg
Corina Porro, que estivo acompañada polo xerente do Consorcio, Alfonso Ramos,
salientou a colaboración entre o Concello, Zona Franca e a Consellaría de Vivenda nesta tarefa, que ata o de agora ten dado froitos como a mellora do pavimento da zona da Pedra e a recuperación do monumento aos mariñeiros mortos e desaparecidos situado na praza de entrada ao porto pesqueiro.

A alcaldesa resaltou a importancia do comercio como dinamizador do Casco Vello. Con respecto a este sector, tense desenvolvido un proxecto de iluminación e mellorado a dotación de infraestruturas, con medidas como a reposición de papeleiras.

Por outra parte, Porro anunciou o reforzo da seguridade no Casco Vello, así como un plan específico de eliminación de pintadas e unha ampliación do servizo de limpeza, que pasará, segundo asegurou, de dúas a tres quendas diarias. Outra iniciativa para mellorar a imaxe do Casco Vello é o Plan de Fachadas, que xa está en poder do Consorcio de Rehabilitación e cuxas bases se publicarán aproximadamente dentro dun mes.

Corina Porro lembrou que a rehabilitación do Casco Vello é unha "aposta decidida" do Goberno Local por unha área da cidade "que non pode esperar", visto o seu grao de deterioro actual.

Neste sentido, está xa "moi avanzado" un estudo de mobilidade e prevese, ademais, un "tratamento diferenciado" das zonas alta e baixa do Casco Vello, con actuacións que melloren os programas de rehabilitación existentes. Entre as medidas anunciadas pola alcaldesa figuran un plan específico de rehabilitación integral da zona do Castelo de San Sebastián e a inclusión de vivendas en réxime de alugueiro en programas públicos de vivenda e solo para novos equipamentos.

Pola súa parte, Alfonso Ramos fixo unha diagnose do estado que presenta o Casco Vello na actualidade, e afirmou que, mentres a zona baixa ten "os problemas típicos en calquera casco histórico", o deterioro da parte superior non ten parangón con ningún outro en Galicia. Por iso, o xerente do Consorcio de Rehabilitación dixo esperar que o respaldo das administracións a este ente continúe no futuro.
Descargar todas as imaxes