Escoitar

O Universidade de rugby intentará repetir o éxito da temporada pasada

"O equipo estrela da Universidade de Vigo". Así definiu a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María del Carmen Cabeza, o conxunto de rugby para a temporada 2006-2007 na súa presentación hoxe mércores.

mércores, 25 out 2006
Ao acto de presentación asistiron a concelleira de Deportes, Lucía Molares, o presidente do club, Álvaro Martínez-Herrera, o director deportivo, Ramón Babé, e o patrocinador principal, Valery Karpin.

María del Carmen Cabeza subliñou que este equipo de rugby é "eminentemente universitario e que tira desta disciplina en toda a área de influencia de Vigo".

Ramón Babé salientou como novidades para esta campaña a incorporación á categoría superior de 14 xogadores procedentes do xuvenil. "A nosa filosofía é apostar polo deporte base", afirmou Babé. As outras grandes incorporacións son dúas fichaxes procedentes de Arxentina que pretenden converterse no revulsivo do conxunto.

O máximo responsable do club, Álvaro Martínez-Herrera, indicou que entre os plans futuros está a organización dunha liga escolar e a continuación do programa de implantación do rugby nos colexios. "A nosa maior aposta será a formación nas categorías inferiores", salientou o director.

Pola súa banda, Lucía Molares sinalou que o Concello continuará apoiando incondicionalmente o conxunto pola súa defensa do deporte base e por ser "un dos equipos principais da cidade, cunha traxectoria consolidada que de seguro dará froitos".

Por último, Valery Karpin marcou como obxectivo do equipo para esta temporada o ascenso de categoría. "É unha xente moi traballadora e esperamos ascender a división de honra", asegurou o ex-xogador do Celta, quen reafirmou o seu compromiso co fomento do deporte vigués.