Escoitar

A Fundación Provigo desenvolverá un plan para potenciar Peinador en catro anos

O Padroado da Fundación Provigo acordou desenvolver, -na súa reunión de hoxe xoves-, un proxecto de promoción de Peinador co que pretende conseguir aumentar o número de voos e destinos. Na mesma sesión, Provigo decidiu dotar con 25.500 euros anuais ao sistema de control e seguimento do Plan Estratéxico e actualizar os observatorios de Emprego e Medioambiente.

xoves, 4 mai 2006
1146748442provigo003.jpg
A Fundación Provigo considera estratéxico para Vigo e a súa área metropolitana potenciar o aeroporto de Peinador, facendo que aumente o número de destinos e a frecuencia dos seus voos.

Para os integrantes do Padroado da Fundación, conseguido este obxectivo, non sería difícil obter maiores investimentos en Vigo por parte das administracións, co cal se lograría ampliar a terminal de pasaxeiros, a plataforma de aeronaves, a pista e o aparcadoiro do aeroporto.

Provigo lamenta que o Plan Director do Aeroporto, aprobado en xullo de 2001, esté nestes intres "desbordado" polas cifras de pasaxeiros e movemento de aeronaves, o que sitúa a Peinador nunha "situación de inferioridade" con respecto aos aeroportos de Santiago de Compostela e A Coruña. Para solucionar este problema, o Padroado adoptou -na súa xuntanza de hoxe xoves- un proxecto para a promoción de Peinador, dividido en dúas fases.

Primeira fase

A fase inicial consiste nun traballo de campo que se deberá desenvolver nun período aproximado de catro a seis meses. En primeiro lugar, Provigo estudiará a demanda de pasaxeiros e os principais datos e variables de Vigo e a súa área metropolitana. Realizados estes estudios, levaranse a cabo xestións ante as entidades relacionadas coa posible potenciación de Peinador.

Así, coas compañías aéreas (Iberia, Spanair, Air Europa, Air Nostrum, Ryanair, Vueling, Easy-Jet, Air Berlín...) estudarase a implantación de novos destinos, sobre todo transversais e internacionais de carácter directo. De AENA recabarase información sobre os seus plans actualizados de mellora de infraestructuras portuarias. Ademais, en coordinación coa Concellería de Turismo do Concello, manterase un contacto permanente coas axencias de viaxes e touroperadoras para conseguir que utilicen Peinador como plataforma vacacional durante os períodos altos, como as pontes, Semana Santa e o verán. Por último, barallarase a idoneidade da nova terminal de carga cos comercializadores de peixe e os armadores de Vigo.

Segunda fase

Unha vez rematado o traballo de campo, a Fundación Provigo dotaríase dun orzamento específico para a promoción de Peinador, durante os próximos tres ou catro anos, ata conseguir os obxectivos desexados. Este orzamento determinarase en función da información obtida na primeira fase e dos obxectivos que se propoñan no futuro.

Durante a segunda fase do proxecto de promoción do aeroporto, Provigo negociará coas compañías aéreas o aumento de frecuencias e destinos (transversais e internacionais, principalmente); tentará aumentar o uso de Peinador como plataforma de voos chárter de carácter turístico, tanto de saída como de chegada, por medio de negociacións cos touroperadores e axencias de viaxes; e solicitará ás distintas administracións implicadas unha mellora constante das infraestructuras aeroportuarias.

Deste xeito, a Fundación Provigo pretende potenciar o aeroporto de Peinador dentro da rexión urbana formada por Vigo, Pontevedra, Ourense e o Norte de Portugal.

Plan Estratéxico

Por outra banda, os integrantes do Padroado decidiron destinar orzamentos anuais de 25.500 euros, durante o período 2006-2008, ao sistema de control e seguimento do Plan Estratéxico de Vigo e a súa Área Funcional (Plan Vigo 2010).

As tarefas que se realizarán no marco deste sistema, de xuño de 2006 a xuño de 2008 (ambos incluídos) consistirán na coordinación dos observatorios, o tratamento de información, a elaboración de informes previos á Comisión de de Seguimento e ao Consello do Plan, os traballos propios destes dous organismos, e a toma de acordos dentro do propio Consello do Plan.

O sistema de control e seguimento do Plan Estratéxico abrangue os ámbitos de Infraestructuras e Promoción Económica; Recursos Humanos e Innovación; Benestar, Cultura e Calidade de Vida, e Comunicación e Márketing.

Observatorios de Emprego e Medio Ambiente

Ademais, o Padroado da Fundación Provigo acordou actualizar os observatorios de Emprego e Medio Ambiente, que serán modificados canto á súa presentación (mellorando e modernizando o formato exterior das publicacións) e ao seu contido (actualizándoos en función das circunstancias actuais).

A proposta de actualización do Observatorio de Emprego da Fundación Provigo ten por obxectivo elaborar e difundir información precisa e útil sobre o emprego e o paro en Vigo e a súa área de influencia; realizar previsións a curto prazo (entre un e 12 meses) mediante a análise das tendencias e da estacionalidade; propor solucións ao problema do paro, factibles no ámbito de actuación local; realizar o seguimento e control do Plan Estratéxico de Vigo no relativo ao eixo "Emprego con futuro"; elaborar un estudio monográfico anual sobre as características específicas do emprego e do paro en Vigo.

No caso do Observatorio Medioambiental da Ría de Vigo, a actualización centrarase no estudio das características oceanográficas, dos niveis e tendencias da contaminación e os seus efectos biolóxicos, e do ecosistema da ría.

Dentro das actividades do Observatorio Medioambiental prevese unha publicación, preferiblemente en forma de libro, onde se recollan, presenten e resuman, de maneira asequible ao gran público, os principais coñecementos que se teñen sobre a ría de Vigo, ademais dunhas xornadas divulgativas sobre esta.


Descargar todas as imaxes