Escoitar

Alumnos do Colexio Sárdoma-Moledo coñecen a vida de Manuel Lugrís no Verbum

Alumnos de nove a 12 anos do Colexio Sárdoma-Moledo visitaron no mediodía de hoxe mércores o museo Verbum-Casa das Palabras para participaren na xincana literaria "Xogando coas palabras", que organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo co gallo do Día das Letras Galegas.

mércores, 3 mai 2006
A xincana "Xogando coas palabras", dirixida a nenos e nenas de 9 a 12 anos, desenvólvese no Verbum desde o pasado xoves 27 de abril e acabará o próximo venres 5 de maio, coas visitas dos colexios Mosteiro-Bembrive, ás 10:00, e Eijo Garay, ás 12:00.

Con esta actividade, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo quere dar a coñecer a figura de Manuel Lugrís Freire, que é a persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano.

Trescentos setenta alumnos de sete colexios participarán na xincana literaria para coñeceren, mediante xogos e misterios que terán que resolver, a vida de Manuel Lugrís Freire e o contexto histórico en que viviu.