Escoitar
A exposición acollerá contacontos para nenos e adultos a fin de semana do 21 ó 23 de outubro

Oito fotógrafos homenaxean ó autor de "vinte mil leguas de viaxe submariña" cunha exposición no Verbum

Baixo o título "80 fotos ó redor de Verne", o Verbum acolle desde o día 18 de outubro, e ata final de ano, un percorrido en imaxes realizadas por oito fotógrafos que amosan a súa personal visión da obra literaria de Xulio Verne. Algúns deles inspiráronse en Vigo para levar adiante este proxecto, outros empregaron a ironía e outros basearon o seu traballo en obras concretas do autor de "Vinte mil leguas de viaxe submariña" ou "Viaxe ó centro da terra".

luns, 17 out 2005
1129553614verne1.JPG
O Concello de Vigo, a través do Arquivo Pacheco e o Verbum, traballou a reo na organización da mostra, dentro das actividades previstas para homenaxear ó escritor. As imaxes que se amosan son de diferentes tamaños, en cor, formando collage, ou no limpo e orixinario branco e negro.

Os oito fotógrafos, todos eles estreitamente vencellados a Vigo, teñen entre os 28 e os 41 anos de idade. A pesares da xuventude dalgúns deles, os seus curriculums están cargados de traballos para publicacións de fóra do noso país e de premios internacionais.

Os autores son Ramón Vaquero, Javier Albertos, Emilio Cendón, Alexandre Santorio, Jorge Ventosa (Xurxo Ventos), Miguel Calvo (Misha Bies Golas), Emilio Curra e Pablo Fontenla.

A imaxinería de cada un deles discorre entre pequenos barcos de madeira que van dentro de botellas que non son reais, estrelas de mar relucintes que agochan tesouros, fotos de barcos que viaxan dentro de cadros, estatuas urbanas que queren ir desde a terra ata a lúa, ou libros que se queren subir a un tren.

Contacontos

A mostra fotográfica estará acompañada de sesións de contacontos para adultos e nenos baixo o título "Historias de viaxe", que tamén terán lugar no Verbum. Poranlle voz a estos percorridos por outras terras e horizontes lonxanos, Pepo Suevos (venres, 21, a partires das 20,30) con relatos para adultos; Paula Carballeira (sábado 22 e domingo, 23, ás 12,00 horas) con historias para nenos e Cándido Pazó (sábado 23, ás 20,00 horas) e Carlos Blanco (domingo 23, ás 20,00 horas), que retomarán ó público adulto.

Estatua adicada a Xulio Verne

A alcaldesa, Corina Porro, inaugurou hoxe luns unha estatua en bronce adicada ao escritor homenaxeado, situada na marquesiña da pérgola de Montero Ríos e obra do artista vigués José Molares.

O artista José Molares (Vigo, 1961) é o autor da escultura homenaxe a Xulio Verne, que se ubicará na marquesiña da pérgola (nos xardíns de Montero Ríos, entre o edificio administrativo da Xunta e o Club Náutico) e que representa ó escritor sentado sobre uns tentáculos que ben poden ser dun polvo ou dun calamar xigante. A escultura, de grandes dimensións (4 metros de ancho, 2 m. de fondo e 1,75 m. de altura), está situada sobre unha base de granito. Molares elixiu para elaborala bronce de fundición acabado en pátina con tonos verdes, o que lle aporta un aspecto oxidado, como envellecido co paso do tempo. Según explica o autor, para levar adiante o proxecto inspirouse nos recordos que tiña de neno, de "cando lera as aventuras do capitán Nemo cun calamar xigante, tal e como eu o lembro. Por iso decidín sentar ó escritor sobre uns tentáculos, outorgándolle a el o maior protagonismo da peza".

A estatua é unha doazón da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Pontevedra á cidade.
1129553614verne1.JPG
1129553666verne.JPG
Descargar todas as imaxes