Escoitar

As bibliotecas de escolas, asociacións culturais e veciñais de Vigo reciben 6.700 libros de Xulio Verne

No terreo da ensinanza e para o fomento da lectura, o Concello de Vigo puxo en marcha unha campaña para repartir 6.695 libros escritos por Xulio Verne, clasificados en 515 coleccións. Tódalas bibliotecas de colexios públicos e centros concertados de Vigo, así como as das asociacións veciñais e culturais e as bibliotecas públicas da cidade están a recibir nestes días unha selección de 13 dos mellores títulos do precursor da ciencia ficción.

venres, 14 out 2005
Esta iniciativa pretende, principalmente, que os nenos e nenas da cidade teñan a oportunidade de achegarse á obra deste autor, máxime tendo en conta a inspiración que Vigo supuxo nun dos seus libros máis lidos.

Ó mesmo tempo que os lectores máis precoces teñen a oportunidade de achegarse os mundos imaxinativos de Verne, e despertar a súa propia capacidade de crear, no caso de "Vinte mil leguas de Viaxe submariña", poden coñecer unha destacada parte da historia da cidade na que viven, despois de que fora o escenario da batalla de 1702, na que se afundiron os galeóns españois, levándose con eles ó fondo da bahía de Vigo, os seus tesouros.