Escoitar

Vigo acolle ata finais de ano un conxunto de actividades ó redor da figura de Xulio Verne

Con motivo do centenario do pasamento do escritor francés Xulio Verne, o Concello de Vigo vén de poñer en marcha varias iniciativas para alaba-la súa figura e lembrar que o imaxinativo escritor adicou á bahía de Vigo o capítulo VIII da segunda parte dun dos seus máis afamados títulos: "Vinte mil leguas de viaxe submariña". Esta iniciativa, que presentou hoxe venres a alcaldesa, Corina Porro, coincide ademáis co ano no que a bahía desta cidade encherase cun dos acontecementos máis salientables do deporte náutico, a Volta ó Mundo a Vela, e se enmarca, pois, nas iniciativas do proxecto VIGO5.

venres, 14 out 2005
Para a homenaxe que Vigo lle quere rendir a Verne elixíronse un conxunto de actuacións vencelladas á escultura, á fotografía, á literatura, ás viaxes e á ensinanza, a través do fomento da lectura.

Neste senso, nun ano no que Vigo está ligado profundamente cos mares do mundo, inaugurarase o luns , día 17, unha estatua en homenaxe a un escritor que recreou boa parte da súa imaxinación nos fondos mariños, porase en marcha unha exposición fotográfica con Verne como centro de atención a partir do martes día 18 no Verbum, un ciclo de contacontos para nenos e adultos nos que os protagonistas serán as viaxes e unha campaña para fomentar a lectura dos libros deste mestre da ciencia-ficción.

A marquesiña da pérgola de Montero Ríos lucirá desde o luns unha peza deseñada polo escultor José Molares

O artista José Molares (Vigo, 1961) é o autor da escultura homenaxe a Xulio Verne, que se ubicará na marquesiña da pérgola (nos xardíns de Montero Ríos, entre o edificio administrativo da Xunta e o Club Náutico) e que representa ó escritor sentado sobre uns tentáculos que ben poden ser dun polvo ou dun calamar xigante. A escultura, de grandes dimensións (4 metros de ancho, 2 m. de fondo e 1,75 m. de altura), está situada sobre unha base de granito. Molares elixiu para elaborala bronce de fundición acabado en pátina con tonos verdes, o que lle aporta un aspecto oxidado, como envellecido co paso do tempo. Según explica o autor, para levar adiante o proxecto inspirouse nos recordos que tiña de neno, de "cando lera as aventuras do capitán Nemo cun calamar xigante, tal e como eu o lembro. Por iso decidín sentar ó escritor sobre uns tentáculos, outorgándolle a el o maior protagonismo da peza".

A estatua é unha doazón da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Pontevedra, á cidade e o acto de inauguración levarase a cabo o próximo luns, 17 de outubro, ás 12.30 horas.

José Molares é un escultor figurativo e as temáticas que emprega maioritariamente están vencelladas co mar e as súas xentes.