Escoitar

Corina Porro e Abel Caballero concordan no interese "vital" da colaboración entre o Concello e a Autoridade Portuaria

A alcaldesa, Corina Porro, e o presidente da Autoridade Portuaria, Abel Caballero, reunironse hoxe luns para trataren da relación entre as dúas institucións que dirixen. Ambos coincidiron no interese "vital" que para Vigo ten o establecemento dun marco de colaboración consensuado para mellorar a utilización do porto.

luns, 17 out 2005
1129554529caballero2.jpg
Tras o encontro, Corina Porro anunciou que se reunirá con Abel Caballero cada quince días para estudar a adopción conxunta de medidas "zona a zona". A terminal de Bouzas, o peirao de trasatlánticos e a eventual prolongación do paseo desde Montero Ríos a Isaac Peral perfílanse como os temas das próxima tres reunións.

Deste xeito, segundo afirmou Abel Caballero, "en dous meses esperamos chegar a un acordo e asinar un documento definitivo" no cal se regulen as relacións entre o Concello e a Autoridade Portuaria "nos próximos 20 anos". De acordo con Corina Porro, as accións que se acometan no porto deben contar co apoio de Zona Franca e de todos os grupos políticos. Neste sentido, a alcaldesa dixo confiar "en que todos sexamos capaces de poñernos de acordo nun tema do que depende o futuro da cidade".

Sobre a posible construcción dunha nova depuradora en Bouzas, Corina Porro apuntou que será a Consellería de Medio Ambiente a que determine onde se levará a cabo. Mentres tanto, dixo, "poderemos seguir avanzando nas nosas propostas". A alcaldesa referiuse tamén á conversa telefónica que mantivo co conselleiro para "urxir o estudo técnico" co que "cerrar definitivamente" esta cuestión.

Pola súa parte, Abel Caballero calculou que a primeira fase da reordenación de Bouzas "pode estar operativa en tres ou catro anos". Canto á ampliación do peirao de trasatlánticos, o presidente da Autoridade Portuaria dixo que é unha "prioridade menor", pero que "en canto teñamos un acordo abordaremos as obras".

Tanto Corina Porro como Abel Caballero cualificaron o encontro de hoxe luns como "cordial" e salientaron a importancia do porto para o desenvolvemento económico de Vigo.
Descargar todas as imaxes