Escoitar
CONTINUANDO ASÍ COA SÚA POLÍTICA DE TRANSPORTE COLECTIVO

O Concello porá en marcha o carril bus no tramo ascendente de Gran Vía

Segundo o concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Antonio Coello, a mellora da rede de circulación fará que Vigo se sitúe entre as primeiras cidades en tráfico urbano. A humanización das principais rúas da cidade ou a creación dun plan de aparcadoiros, son as principais medidas "que redundarán no beneficio da cidadanía".

luns, 20 set 2004
Coa Semana Europea da Movilidade como telón de fondo, o concelleiro Antonio Coello, manifestou na rolda de prensa da Xunta de Goberno Local, a pretensión da Corporación Municipal de impulsar unha política de transporte colectivo. Unha medida que "mellorará a rede de circulación da cidade incitando á cidadanía a facer un uso máis racional dos vehículos particulares" baixo o pretexto de posicionar a Vigo entre as primeiras cidades en tráfico urbano.

A posta en marcha dun carril bus no tramo ascendente entre a praza de América e a praza de España, que compretaría ao xa existente en García Barbón, xunto á recuperación das zonas peatonais mediante a ampliación de beirarrúas, son algunhas das medidas a levar a cabo dende o departamento que dirixe Antonio Coello.

A finalidade: crear unha diversidade de puntos de encontro nunha cidade de tráfico lento e sosegado.

A campaña europea "A cidade sen o meu coche" servirá de precalentamento, o mércores 22, para que, por un día, o ruído, a contaminación e os atascos den unha tregua aos vigueses. Así, a utilización dos autobuses circulares de Vitrasa será gratis, e a partir das 15.00 horas cerrarase o entorno da praza de Compostela, onde ás 17.00 horas comezarán as actividades lúdicas para nenos, organizadas polo Paiaso Popín e a Federación de Peñas Recreativas "El Olivo". Todo un reto para un Goberno Municipal que ten a espranza de facer de Vigo unha cidade máis humana.