Escoitar

O Concello asina un convenio con Vegonsa co fin de apostar pola formación de persoas desempregadas en empresas

O convenio, asinado pola concelleira da Área de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, Lucía Molares, coa empresa Vegonsa, Agrupación Alimentaria S.A, enmárcase dentro do Plan Municipal de Emprego 2004-2007. Unha iniciativa que trata de apostar pola financiación a empresas de cara á formación de persoas desempregadas.

martes, 27 xul 2004
1090926850vegonsa.jpg
A concelleira da Área de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, Lucía Molares, asinou un novo convenio coa empresa Vegonsa, Agrupación Alimentaria,S.A., para desenvolver un curso de formación ocupacional de "Dependente/a polivalente da Distribución Alimentaria".

Con este novo convenio o Concello comprométese a financiar a formación dun total de 15 persoas para a contratación posterior dun 50% dos participantes por un período non inferior a tres meses, sempre e cando rematen satisfactoriamente, por parte da empresa.

O convenio, regulará a acción formativa que terá unha duración de 240 horas lectivas, incluídas as prácticas, e que supón un custo de 16.128 euros.

Os beneficiarios deste curso, que se leva a cabo no marco do Plan municipal de emprego 2004-2007, seleccionaranse entre as persoas desempregadas entrevistadas polos técnicos do Servizo de orientación laboral do Concello, que teñan dentro do seu itinerario formativo a necesidade de realizar cursos de formación para mellorar as súas condicións de ocupabilidade e que cumpran o perfil solicitado pola empresa. Neste senso, os seleccionados serán mulleres e homes, de entre 18 e 40 anos e con graduado escolar.

Coa sinatura deste convenio preténdese continuar na liña da experiencia exitosa obtida na colaboración con Vegonsa no programa de formación en empresas con compromiso de contratación en anos anteriores, no que ata agora se acadou un alto grao de satisfacción por parte do alumnado.

Tamén hai que destacar que o compromiso de contratación sempre superou a porcentaxe do 50% do convenio, de persoas contratadas por un período mínimo de 6 meses, e en algúns casos realizáronse contratos indefinidos.

A formación ocupacional realízase nun ámbito productivo real, a empresa, onde o alumnado observa e desempeña as actividades e funcións propias dos distintos postos de traballo, ao tempo que coñece as relacións laborais e a organizacións dos procesos productivos.
Descargar todas as imaxes