Escoitar
Carlos Nuñez, Paloma San Basilio, Cómplices e Berrogüetto entre os artistas dos espectáculos

Castrelos celebra dúas galas da TVG

O Auditorio do Parque de Castrelos acollerá os días 16 e 18 de xullo dúas galas audiovisuais organizadas pola Televisión de Galicia e o Xacobeo 2004. Serán a partir das 21:30 horas, e estarán abertas ao público.A presentación das galas estivo a cargo da alcaldesa, Corina Porro e do responsable de espectáculos del Xacobeo, Xerardo Rodríguez, así como do gaiteiro Carlos Núñez.

mércores, 14 xul 2004
1089818065galatele.jpeg
A gala do venres día 16, que estará presentada por Diana Nogueira e Xosé Ramón Gayoso, mesturará grandes voces femininas do panorama musical español, con novas promesas do noso país, e o máis destacado da interpretación folk en Galicia. Así, en Vigo subiranse ó mesmo escenario Paloma San Basilio, Ángela Carrasco, Cómplices, Efecto Mariposa, Benny, King África, Berrogüetto, Cantadeiras do Berbés, o Grupo Folclórico Lembranzas Galegas e a Banda de Gaitas Tremiñado.

Carlos Nuñez, o gaiteiro galego máis universal, será a estrela do concerto do día 18 de xullo no Auditorio de Castrelos en Vigo que retransmitirá en directo a TVG.

Para Carlos Núñez, esta data ten un valor engadido porque celebra o seu 33 cumpreanos e como non podería ser doutro xeito farao cun espectáculo excepcional no que estará acompañado por moitos amigos e artistas convidados como os míticos The Chieftains, a banda de gaiteiros escoceses The Nacional Youth Pipe Band of Scotland, e a acordeonista irlandesa Sharon Shannon. No espectáculo tamén participarán a famosa bailarina Cara Butler, integrante de Riverdance, e o dúo canadiense Pilatzkes. Entre os artistas galegos convidados destaca a presencia de Cristina Castaño, coñecida actriz que fará gala das súas cualidades como intérprete, a Banda de Gaitas de Cea e Wenceslao Cabezas "Polo".

Ademais o Auditorio de Castrelos é para Carlos Núñez un escenario moi especial porque foi en Castrelos onde debutou no 84 con só trece anos e onde coñeceu os seus mestres, The Chiftains. O reencontro do gaiteiro ca súa terra acompañado do seu amigos será se dúbida un concerto inesquecible. O espectáculo comezará as 21:30 e será de entrada libre e poderá seguirse tamén en directo pola Televisión de Galicia dentro da programación do Xacobeo 2004.

A Televisión de Galicia disporá para estas galas un gran despregue de medios técnicos. Así, as dimensións do escenario serán de vinte por dezaoito metros, estará iluminado, nada menos que por 200.000 vatios de luz, e apoiado por 50.000 vatios de son. Ademais, contará con asentos para o público, así coma cos servicios necesarios para o desenvolvemento da gala.

Os espectáculos enmárcase dentro da serie de programas denominado "Concertos das Estrelas" que se emitirá ó longo deste verán na canle autonómica.
Descargar todas as imaxes