O alcalde volve reclamar á Xunta e á Deputación que cofinancien os colectores de Balaídos
O Concello xa solicitou por carta ás dúas administracións, a finais de outubro de 2025, que consignasen nos seus orzamentos os recursos necesarios para financiar a actuación a terzos. A obra está actualmente en execución cun investimento de 2.821.994 euros, asumido polo Concello.
O alcalde volveu reclamar este xoves aos entes autonómico e provincial que participen no financiamento da obra de retranqueo dos colectores de saneamento situada fronte á bancada de Tribuna. Trátase da primeira actuación necesaria para acometer a futura ampliación da bancada de cara ao Mundial de 2030. “Estamos facendo xa a obra da ampliación da bancada para o Mundial do ano 2030 no estadio de Balaídos. E para facer esa bancada necesitamos, e xa o contei tantas veces, desprazar os colectores. Estamos facendo esa obra”, explicou.
Os traballos consisten no retranqueo duns 30 metros dos colectores do Lagares e de Fragoso que discorren paralelos á bancada de Tribuna. A actuación, iniciada fisicamente o pasado mes de xuño, permitirá liberar o espazo necesario para a posterior transformación da bancada. As novas canalizacións, de arredor de metro e medio de diámetro, deben instalarse a varios metros de profundidade nunha actuación previa imprescindible para poder desprazar cara ao exterior a futura bancada.
A reclamación de cofinanciamento remóntase ao outono de 2025. A finais de outubro, o Concello dirixiuse por carta á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra para propoñer un reparto a terzos do investimento e solicitar que ambas administracións reservasen fondos nos seus orzamentos de 2026. Unha vez definido o proxecto, o investimento quedou fixado en 2.821.994 euros. Conforme á proposta municipal de financiamento a partes iguais, corresponderían 940.665 euros aproximadamente a cada unha das tres administracións.
O Concello reiterou formalmente esta petición en maio, unha vez coñecido o importe definitivo da actuación. A reclamación tamén foi trasladada ao Pleno da Corporación. O pasado 25 de maio, a maioría do Pleno acordou instar á Xunta e á Deputación a cofinanciar a terzos o retranqueo dos colectores. A proposta saíu adiante cos votos favorables do grupo socialista, o voto contrario do PP e a abstención do BNG.
“E neste momento está pagando ao 100% o Concello, porque a Xunta non quere pagar obras para o Mundial de Balaídos, a Deputación non quere pagar obras para o Mundial de Balaídos e estámola facendo nós”, manifestou Caballero, engadindo que “débennos unha explicación inmediata a todo o celtismo, a toda a cidade, a toda a afección, porque estar no Mundial é moi importante”.