Escoitar

Abel Caballero pon en valor o liderado de Vigo no sector pesqueiro e o peso de Conxemar

As empresas asociadas a Conxemar reforzan o seu peso dentro da industria e comercialización de produtos pesqueiros en España. As 266 compañías analizadas no Informe sectorial 2026 (actualmente xa son 269) acadaron en 2024 unha facturación conxunta de 12.604,2 millóns de euros e xeraron 22.686 empregos directos, o que representa o 66,49% da facturación e o 62,26% do emprego do conxunto do sector en España.

mércores, 16 set 2026

Así se recolle no Informe sectorial da industria e comercialización de produtos pesqueiros en España 2026, elaborado por ARDÁN, o Servizo de Estudos do Consorcio da Zona Franca de Vigo, a partir das contas anuais depositadas polas empresas nos Rexistros Mercantís correspondentes ao exercicio 2024. O informe compara a evolución do conxunto do sector coa das empresas asociadas a Conxemar.

Galicia continúa sendo o principal territorio de referencia da industria e comercialización de produtos pesqueiros en España. En 2024 concentrou o 33,87% das empresas e o 48,18% da facturación nacional. Dentro de Conxemar, as empresas galegas representan o 44,23% dos asociados analizados, o 50,71% da facturación e o 40,92% do emprego.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou que “estes datos volven demostrar algo que nós levamos moito tempo dicindo: Vigo é a capital mundial da pesca. Non é soamente unha afirmación, son os datos os que o acreditan”. Caballero puxo en valor que as empresas da comarca concentren o 31% da facturación española do conxelado e xeren un de cada catro euros de valor engadido desta actividade: “Estamos falando de economía, de emprego, de innovación e dunha forma de entender Vigo. O sector do mar forma parte da identidade desta cidade e ten unha dimensión extraordinaria en España e no mundo”. O alcalde engadiu que “Vigo é un referente internacional no sector e que seguiremos potenciando e apoiando desde o Concello, Zona Franca e colaborando estreitamente con Conxemar”.

O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, destacou que os resultados “confirman a importante dimensión económica dun sector estratéxico, a elevada representatividade de Conxemar dentro da actividade nacional e o papel protagonista que continúa desempeñando Galicia. Todo iso nun ano favorable, cun crecemento moi significativo do valor engadido e do emprego”.

Finalmente, o presidente de Conxemar, Eloy García, puxo especialmente en valor estes datos: “na nosa principal actividade, o peso das empresas de Conxemar aproxímase xa ao 80% da facturación, do emprego e do valor engadido xerado en España. É unha posición que reflicte a fortaleza e a competitividade das nosas empresas e que nos obriga a seguir traballando para que esta industria continúe medrando”.

 

Descargar todas as imaxes