Escoitar

A nova grada de Gol alcanza a altura máxima da estrutura de formigón e inicia a colocación da “pel azul”

Abel Caballero avanzou que a previsión municipal mantén o remate da obra a finais de 2026 e trabállase para que poida estar operativa a comezos de xaneiro, cando se disputa o derbi galego. “Nese momento teremos xa as tres bancadas definitivas para o Mundial acabadas: Marcador, Río e Gol”, sinalou o rexedor.

martes, 15 set 2026

“Onte chegouse á altura máxima da estrutura de formigón”, explicou o alcalde dando conta este martes dun novo fito na construción da nova bancada de Gol do Estadio Municipal de Balaídos. Os traballos continuarán agora coa elevación e instalación dos distintos tramos da estrutura metálica que sostén a cuberta, unha fase que comezou a finais de xullo coa colocación dos primeiros módulos.

Abel Caballero avanzou que o seguinte paso visible da obra será a instalación da envolvente exterior da bancada. “A finais desta semana e principios da vindeira imos iniciar a colocación das láminas que fan a pel azul do estadio”, unha actuación coa que comezará a configurarse a imaxe exterior definitiva de Gol a medida que continúa a montaxe da cuberta.

O Concello mantén a previsión de finalizar a nova bancada a finais de 2026 e traballará co Real Club Celta para tratar de adiantar ao máximo a súa entrada en funcionamento: “Imos facer todo o esforzo posible, tanto o Celta coma nós, para que poida utilizarse a fin de semana do 2 e 3 de xaneiro”, coincidindo coa previsión de que Balaídos volva acoller o derbi galego, fronte ao Deportivo da Coruña, tras oito anos.

A nova bancada de Gol contará con máis de 7.000 localidades e elevará o aforo total de Balaídos a máis de 31.000 espectadores. A súa finalización permitirá completar tres das bancadas definitivas do estadio: Río, Marcador e Gol. “Nese momento teremos xa as tres bancadas definitivas para o Mundial acabadas”, sinalou o rexedor.

En paralelo á finalización de Gol, xa se está executando a primeira actuación necesaria para a transformación da bancada de Tribuna de cara á candidatura de Vigo como sede do Mundial de 2030. Os traballos consisten no retranqueo dos grandes colectores de saneamento do Lagares e Fragoso que discorren xunto á bancada, que permitirá liberar o espazo necesario para acometer posteriormente a ampliación e incrementar a capacidade do estadio.

O alcalde volveu reclamar, ademais, información oficial á Real Federación Española de Fútbol sobre a candidatura viguesa. “A Federación Española segue sen comunicarnos que enviou o nome de Vigo para ser sede do Mundial”, advertiu, engadindo que o Concello tampouco recibiu comunicación sobre unha eventual visita da FIFA aos estadios candidatos durante setembro ou outubro. Tamén avanzou que esta fin de semana manterá un encontro co presidente do Consello Superior de Deportes para abordar “todo aquilo que ten que ver co Mundial en Vigo”.

Descargar todas as imaxes