Vigo retoma este outono o programa medioambiental “Camiño a Camiño”
O alcalde explicou este luns que a iniciativa municipal inclúe percorridos medio ambientais, hortas urbanas, voluntariado medio ambiental e cursos de formación.
Abel Caballero destacou que durante os 18 anos de existencia do programa “Camiño a Camiño”, máis de 17.000 persoas participaron nas numerosas actividades organizadas ao redor do medioambiente.
Propostas
- Percorridos medioambientais: "Miradoiros a carón da Ría de Vigo". Están programados 6 roteiros na contorna da ría de Vigo para gozar da paisaxe desde os mellores miradoiros da cidade, do Morrazo e de Soutomaior. As visitas sucederanse todos os domingos desde o 27 de setembro ata o 1 de novembro.
- 27 de setembro. Miradoiro de Cantas, Costa da Vela.
- 4 de outubro: Miradoiros de Cangas, Serra da Madalena
- 11 de outubro. Miradoiros de Moaña, A Paradela.
- 18 de outurbro: Miradoiros de Vilaboa, Salinas de Ulló.
- 25 de outubro: Miradoiros de Soutomaior
- 1 de novembro: Miradoiros do Galiñeiro.
- Hortas urbanas. Está previsto finalizar a recolección de verán e preparar os cultivos de outono en Navia, Pedro Alvarado, Fontáns, Ramón Nieto, Sardomela e Camelias. O Concello conta cunha superficie total de 13.000 metros cadrados. A esta iniciativa súmanse tres cursos básicos de hortos urbanos que terán lugar entre os días 22 e 24 de setembro. As inscricións poden realizarse chamando ao 010 ata o día anterior ao comezo do curso ou directamente na propia horta.
- Voluntariado medio ambiental. Trátase de labores de restauración no Monte da Guía, que inclúen a erradicación de especies invasoras en zonas de interese público e a limpeza de espazos protexidos. Tamén se prevén tarefas de mantemento e limpeza de carreiros locais, así como o paseo de cans do refuxio de animais abandonados da Madroa. Para participar no programa, é necesario completar o curso de iniciación ao voluntariado ambiental. Para inscribirse, tamén é necesario chamar ao 010 antes do día no que se imparta o curso.