Vigo conmemora o Día Internacional contra a Explotación Sexual con dous actos de sensibilización
O Concello despregará unha lona na Casa Galega da Cultura e organizará no MARCO unha conferencia coa experta Carmen Delgado Álvarez
O Concello de Vigo súmase á conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres, Nenas e Nenos, que se celebra o 23 de setembro, cun programa de actividades para visibilizar esta realidade e manifestar o apoio da cidade á abolición destas prácticas.
O primeiro dos actos terá lugar o luns 21 de setembro, ás 18:00 horas, co despregamento dunha lona no lateral da Casa Galega da Cultura, na fachada orientada cara a Porta do Sol.
A programación continuará o martes 22 de setembro, ás 19:00 horas, no salón de actos do MARCO, cunha conferencia de Carmen Delgado Álvarez, catedrática de Psicometría da Universidade Pontificia de Salamanca e experta en prostitución e explotación sexual. A entrada será libre ata completar a capacidade do recinto.
Con estas iniciativas, o Concello busca poñer de manifesto a importancia desta conmemoración e reforzar o seu posicionamento contra a explotación sexual e o tráfico de mulleres, nenas e nenos.