O Goberno municipal reparará o depósito de auga do Castro
A Xunta de Goberno Local dará luz verde á encomenda a Aqualia para redactar o proxecto de mellora dun depósito “importantísimo no sistema de abastecemento de Vigo”. Tamén se aprobará a tramitación da renovación das redes de abastecemento e saneamento de Coia.
Abel Caballero avanzou a aprobación en Xunta de Goberno da encomenda a Aqualia da redacción do proxecto de melloras no depósito do Castro no marco do programa de investimentos coa concesionaria do servizo.
Tal e como explicou, trátase dun depósito “importantísimo no sistema de abastecemento de Vigo” especialmente para o centro urbano. É o segundo depósito máis importante por capacidade que hai na cidade pero é antigo. As obras de construción finalizaron en 1905
e precisa unha renovación. Caballero detallou que a cámara norte foi rehabilitada hai uns anos e agora é “imprescindible” a mellora e reparación da cámara sur, tanto nos elementos estruturais como nas conducións de entrada e saída da auga
Saneamento Coia
Na Xunta de Goberno de mañá venres darase conta da tramitación do expediente de renovación das redes de abastecemento e saneamento en Coia, dentro do plan de investimentos de Aqualia, cun orzamento superior a 1,5 millóns de euros.
O alcalde sinalou que o obxectivo da actuación é substituír as actuais tubaxes de fibrocemento, que superaron a súa vida útil, por unhas novas e modernas. Así darase solución aos problemas de abastecemento que se rexistran nalgunhas rúas: A Guarda, Pontecesures, Cuntis e O Porriño.
Ao tempo, Caballero apuntou que durante este verán deu comezo o plan de humanización nas rúas Mondariz, Soutomaior e Tomiño que, cun investimento de 1,7 millóns de euros mellorará a accesibilidade, servirá para reordenar os aparcadoiros, dar continuidade ás beirarrúas e creará novas zonas axardinadas.
Ademais está avanzando a intervención urbana e artística proxectada no barrio do Rocío, que ten un importe de 4.430.837 euros. “Temos en execución, contratación e desenvolvemento de obras en Coia por valor de máis de 7 millóns de euros”.