As obras de Granell e Cáccamo formarán parte do CMAG Vigo
A Xunta de Goberno deu luz verde a licitación da obra Cabalo surrealista de Eugenio Fernández Granell e a adquisición de Talismanta de Berta Cáccamo.
O Cabalo surrealista é a primeira peza deste artista que pasa a formar parte da colección municipal. Realizada en 1946 durante o exilio do pintor na República Dominicana, a obra constitúe unha creación singular na que conflúen as influencias do surrealismo europeo e da estética caribeña. Segundo explicou Caballero, a peza dialoga coa imaxe do cabalo do Guernica de Picasso, pero transfórmaa nunha figura viva, sensual e dinámica, cunha exuberante paleta cromática próxima ao universo artístico de Wifredo Lam.
Tamén ofrmaŕa parte do CMAG Vigo a obra Talismanta da artista viguesa Berta Cáccamo. Será igualmente a primeira obra da pintora incorporada ao inventario artístico municipal.
Nacida en Vigo en 1963, Berta Cáccamo foi unha das figuras máis destacadas da arte galega contemporánea. Formada en Barcelona e vinculada ao movemento Atlántica, desenvolveu unha recoñecida carreira artística que a levou a expor en institucións nacionais e internacionais e a formar parte de importantes coleccións públicas e privadas.
Talismanta pertence á serie de obras realizadas entre Barcelona e Galicia a finais dos anos oitenta, coincidindo coa consolidación da súa primeira etapa creativa. Considerada unha das pezas máis representativas deste período, permitirá completar a presenza dunha das artistas galegas máis relevantes das últimas décadas nunha colección que continúa medrando como patrimonio de toda a cidadanía viguesa.