Caballero reivindica a memoria dos alcaldes Martínez Garrido e Antela Conde 90 anos despois do seu asasinato
O alcalde participou no acto público de homenaxe aos representantes políticos e sindicalistas fusilados en 1936 e apelou á defensa da democracia fronte ao avance da extrema dereita.
Abel Caballero, participou no acto público de homenaxe ao alcalde de Vigo Emilio Martínez Garrido e ao alcalde de Lavadores José Antela Conde, cando se cumpren 90 anos do seu asasinato xunto a outros representantes políticos e sindicalistas. “O delito era ser demócratas, o delito era querer transformar este país”, afirmou o rexedor, que reivindicou a memoria daqueles “bravos defensores da democracia” e o proxecto de transformación social que representaban.
Durante a súa intervención, Caballero lembrou tamén a Antonio Bilbatúa Zubeldía, Demetrio Bilbatúa Zubeldía, Enrique Heraclio Botana, Avelino Torres López, Ubaldo Gil Santostegui, Ramón González Brunet e Ignacio Seoane, que foron igualmente vítimas da represión. O alcalde sinalou que o acto oficial convocado polo Concello pretende manter vivo o seu recordo “con respecto, memoria e proximidade” e establecer un vínculo entre a democracia actual e aqueles que hai nove décadas perderon a vida pola defensa dos seus ideais.
Caballero fixo extensiva a homenaxe ás familias dos represaliados, que, segundo sinalou, sufriron durante anos a marxinación e as consecuencias da persecución. Lembrou que aqueles representantes foran elixidos democraticamente pola cidadanía de Vigo e de Lavadores e estendeu o recoñecemento “a todos aqueles que na España de 1936 foron vítimas de asasinatos”, moitos dos cales continúan aínda hoxe desaparecidos.
O rexedor vinculou ademais a recuperación da memoria democrática coa situación política actual e advertiu do avance dos movementos de extrema dereita en España, Europa e outros lugares do mundo. “Temos que facer de muro de contención a ese avance da extrema dereita que pretende que volvamos a etapas que non queremos”, manifestou, apelando a manter unha defensa activa dos valores democráticos.
Caballero asegurou que Vigo continuará celebrando cada ano esta homenaxe aos represaliados e asasinados e reivindicando “o seu valor extraordinario” na defensa do progreso e da democracia.