Escoitar

A Porta do Sol acolle un espectáculo infantil ao ritmo da banda de Matamá, Barafunda e Rafael Yebra

Será o sábado ás 19 horas. “Vai ser un gran espectáculo. Todo o mundo está convidado”, avanzou o rexedor.

mércores, 26 ago 2026

Abel Caballero anunciou que este sábado 29 de agosto, ás 19:00 horas, a Porta do Sol acollerá o espectáculo infantil e familiar “Sinfonía de Soños”, unha proposta musical e escénica de acceso libre e gratuíto. “Vai ser un gran espectáculo. Todo o mundo está convidado”, avanzou o rexedor.

A representación contará coa participación da Agrupación Musical Atlántida de Matamá, acompañada polo saxofonista Rafael Yebra, e coa compañía Barafunda, que levará á escena “Sinfonía de Soños” coa música interpretada pola formación de Matamá. Caballero destacou que se trata dunha proposta especialmente pensada “para as nenas e os nenos coas súas familias”.

O concerto suma a música da agrupación de Matamá coa experiencia escénica de Barafunda, compañía galega fundada en 2009 e dedicada a disciplinas como o teatro de rúa e de sala, o clown ou os títeres. Pola súa banda, Rafael Yebra é doutor pola Universidade Politécnica de Valencia e profesor de saxofón no Conservatorio Superior de Música de Vigo, cunha ampla traxectoria na música contemporánea e colaboracións con formacións como a Orquestra Vigo430 ou a Real Filharmonía de Galicia.

A dirección da Agrupación Musical Atlántida de Matamá corresponde a Enrique Lorenzo Vila, catedrático de Trompa no Conservatorio Superior de Música de Vigo e director tamén da Escola de Música e da Coral Atlántida de Matamá.

Descargar todas as imaxes