Vigo pon en marcha mañá as novas ramplas mecánicas de Pintor Colmeiro
O Concello de Vigo porá en funcionamento mañá as catro novas ramplas mecánicas de Pintor Colmeiro, unha vez completado o período de probas, os últimos axustes e os informes de seguridade. A actuación, cun investimento de 2,5 millóns de euros, permite salvar unha pendente do 10% e completa o corredor mecánico entre López Mora e Hispanidade iniciado coa posta en marcha das ramplas de Pintor Lugrís.
“Estiveron as últimas semanas no período de probas facendo os axustes, elaborando os informes de seguridade e todo resultou extraordinariamente ben”, explicou Abel Caballero. Unha vez realizada mañá a recepción da obra, as novas instalacións quedarán abertas ao público.
As ramplas están situadas no tramo de Pintor Colmeiro comprendido entre Álvaro Cunqueiro e Tarragona, nunha rúa cunha pendente do 10%. O alcalde destacou especialmente a mellora da accesibilidade ao centro de saúde situado na parte alta da rúa, un dos principais equipamentos da contorna.
As estruturas están protexidas por pérgolas abertas cara ás beirarrúas e ás fachadas dos edificios, ao tempo que a actuación inclúe unha humanización integral da rúa. O Concello ampliou a superficie destinada aos peóns e as zonas verdes, renovou as redes de saneamento e abastecemento e incorporou nova pavimentación, mobiliario urbano e luminarias LED, ademais de mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria.“Salvan unha pendente do 10%, é unha rúa empinadísima”, sinalou Caballero, quen incidiu en que a actuación permite gañar espazo para os peóns e facilitar os desprazamentos diarios nunha zona con importantes desniveis.
A posta en marcha de Pintor Colmeiro dá continuidade ao desenvolvemento de Vigo Vertical nesta zona da cidade. Tras a apertura das dúas ramplas de Pintor Lugrís, de 75 metros de lonxitude conxunta, as novas instalacións permiten prolongar o itinerario accesible e mecanizado entre López Mora e Hispanidade.