O Concello destina 250.000 euros á reparación do muro de Canido e reclama á Xunta que desbloquee a actuación
A administración municipal comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que iniciará as catas arqueolóxicas necesarias para poder acometer canto antes a reparación do muro de contención situado xunto á praia de Canido, ante o que considera unha situación de risco para a seguridade. O Concello ten reservados 250.000 euros para rehabilitar a estrutura e asegura que leva desde o mes de maio agardando pola correspondente autorización autonómica.
“Non podemos seguir esperando pola Xunta cando falamos dun moi importante e serio problema de seguridade cidadá”, afirmou Abel Caballero. O alcalde explicou que o Concello presentou en maio ante Patrimonio Histórico a solicitude para realizar as catas arqueolóxicas preliminares, necesarias antes de executar a reparación do muro situado baixo o paseo de Mirambel. O deterioro da estrutura provocou o peche do paseo e xerou preocupación entre os veciños da zona ante a posibilidade de novos desprendementos.
Segundo explicou Caballero, o novo PXOM establece a necesidade de que o Concello achegue previamente un informe arqueolóxico para este tipo de actuacións. O rexedor sostén que se trata dunha esixencia imposta especificamente a Vigo e sinalou que, debido á baixa actual da arqueóloga municipal, o Concello acordara coa Xunta que a Administración autonómica realizase a valoración sen este requisito previo.
“A Xunta non cumpriu o seu compromiso e está poñendo en risco o colapso da estrutura e, por tanto, a seguridade dos usuarios”, denunciou o alcalde, quen confirmou o envío dun oficio a Patrimonio comunicando a decisión municipal de avanzar coas catas para poder iniciar a rehabilitación coa maior rapidez posible. Caballero lembrou que o Concello dispón xa dunha partida de 250.000 euros destinada á actuación e incidiu na urxencia de executar os traballos antes de que o deterioro da estrutura avance.