Escoitar

O Goberno Municipal reforza o apoio aos comedores sociais cun novo convenio con La Sal de la Tierra

A Xunta de Goberno Local aprobará mañá o convenio de colaboración coa Asociación La Sal de la Tierra para financiar o seu comedor social e o servizo de repartición de alimentos a persoas en situación de necesidade. O acordo terá unha duración de catro anos, cunha achega municipal total de 40.000 euros, a razón de 10.000 euros anuais.

xoves, 27 ago 2026

“Contribuímos a financiar o seu comedor e a repartición de alimentos que adicionalmente realizan”, explicou Abel Caballero, quen enmarcou o convenio na colaboración permanente do Concello coas entidades sociais que traballan na atención alimentaria das persoas máis vulnerables.

O Concello destina anualmente 475.685 euros ao apoio aos comedores sociais e ás entidades que prestan axuda alimentaria na cidade. Desta cantidade, 120.000 euros corresponden ao Banco de Alimentos; 84.000 a Misioneiros do Silencio; 80.000 ao Hogar San José; 51.435 a Vida Digna; 65.000 a AFAN; 65.250 á Fundación Santa Cruz; e 10.000 euros anuais a La Sal de la Tierra. O goberno municipal xa renovou este ano varios destes convenios para o período 2026-2029.

A este financiamento engádense os 1.028.000 euros anuais destinados ao Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social, o albergue municipal, que dispón tamén de servizo de comedor. Caballero salientou que Vigo conta cun albergue financiado integramente polo Concello e lembrou que o equipamento ofrece aloxamento e atención ás persoas sen fogar. “Somos os principais financiadores dos comedores, do Banco de Alimentos e do propio albergue. É a política social”, afirmou o alcalde. O orzamento municipal de 2026 destina, no seu conxunto, máis de 28 millóns de euros ás políticas sociais, un 18% máis que no exercicio anterior.

Descargar todas as imaxes