Escoitar

O alcalde lembra que Xunta, Goberno de España e Concello xa acordaron en 2022 construír un novo encoro no Oitavén

Abel Caballero incidiu neste acordo ante a actual situación de Eiras, que, segundo explicou, se atopa no peor nivel de reservas para esta época do ano da serie histórica, por debaixo mesmo dos rexistros de 2011 e 2017. O alcalde contrapuxo estes datos coa posición da Xunta e criticou que a administración autonómica sitúe agora o horizonte para resolver as necesidades de abastecemento no ano 2070.

xoves, 27 ago 2026

O alcalde lembrou que a construción dunha nova presa augas arriba de Eiras, no río Oitavén, xa figura nun estudo acordado e financiado conxuntamente pola Xunta de Galicia, o Goberno de España e o Concello de Vigo. Trátase do Estudo de alternativas e documento ambiental para a mellora da garantía do abastecemento na zona sur da provincia de Pontevedra, de febreiro de 2022, que analiza as diferentes opcións para asegurar a subministración e recolle o novo encoro como solución e reclamou á Xunta que a execute para evitar que Vigo e o conxunto da área teñan que afrontar restricións en períodos de seca.

O rexedor advertiu de que a falta de capacidade de almacenamento non afecta unicamente ao consumo doméstico, senón tamén á actividade industrial e á capacidade de Vigo para atraer novas empresas. Neste sentido, lembrou que durante a seca de 2017 a Xunta chegou a plantexar a paralización de Stellantis e doutras actividades industriais e apuntou que daquela a cidade chegou a estar “a menos dun mes de quedar sen auga”.

Caballero defendeu que no territorio “hai auga” e que a cuestión é dispoñer da capacidade suficiente para embalsala e garantir o abastecemento nos períodos sen precipitacións. “O ben máis prezado neste momento é a auga”, afirmou, reclamando unha infraestrutura que evite restricións e asegure a subministración tanto á poboación como á industria.

Caballero tamén puxo o foco nos problemas que están sufrindo outros municipios abastecidos polo sistema. Sinalou que Vigo garantirá auga a Baiona ante as súas dificultades de abastecemento, lembrou que foi o Concello quen actuou para solucionar e impermeabilizar a condución cara a Moaña tras unha fuga e avanzou que Vigo asumirá tamén unha actuación de máis dun millón de euros para resolver as perdas existentes na condución cara a Redondela.

O alcalde puxo en valor a nova potabilizadora construída por Vigo por case 25 millóns de euros, que, segundo explicou, proporciona unha maior marxe ante a actual seca e foi financiada integramente polo Concello. Caballero tamén rexeitou os datos ofrecidos pola administración autonómica sobre as perdas na rede viguesa e asegurou que as fugas reais son do 6,3%, “as máis baixas de Galicia e das máis baixas de España”, debido á renovación das redes de abastecemento realizada coas humanizacións.

Caballero respondeu igualmente ás afirmacións da Xunta sobre supostas débedas municipais pola xestión de Eiras. Explicou que as cantidades reclamadas están xudicializadas e pendentes do Tribunal Supremo, polo que sostén que “non hai ningunha débeda” determinada neste momento.

Finalmente, Caballero responsabilizou directamente ao presidente da Xunta da situación e anunciou que lle remitirá o documento de 2022. “Señor Rueda, responda vostede politicamente a todo isto", concluíu. 

 

Descargar todas as imaxes