O Concello remata a reparación do muro do colexio Igrexa Valadares cun investimento de case 200.000 euros
O alcalde visitou a actuación, que permitiu construír un novo muro retranqueado, ampliar o espazo peonil e mellorar a seguridade viaria no Camiño Igrexa.
Abel Caballero informou da finalización das obras de reparación do muro do colexio Igrexa Valadares, nas que o Concello investiu preto de 200.000 euros. O rexedor sinalou que se trata dunha actuación que era “responsabilidade da Xunta”, que iniciou os traballos pero, segundo explicou, “non os completou e deixou a obra inacabada”, polo que tivo que ser o Concello o que rematase a intervención.
A obra consistiu na mellora da contención da parcela do centro educativo, coa execución dun novo muro retranqueado de 41 metros de lonxitude e 4 metros de altura. Esta solución permitiu gañar espazo para o tránsito de peóns e mellorar a seguridade viaria na contorna do colexio.
A actuación completouse coa renovación de todo o peche perimetral do centro mediante valado metálico, así como coa renovación do pavimento interior do aparcadoiro. Ademais, o Concello construíu unha nova beirarrúa de formigón de 160 metros cadrados no Camiño Igrexa e acondicionou a contorna coa plantación de 12 árbores e novos parterres con especies arbustivas.
Caballero enmarcou esta actuación dentro dos traballos continuos de análise e reparación de muros que se está desenvolvendo en diferentes puntos da cidade, cun investimento global de 2.812.000 euros. As actuacións abranguen Vista do Mar, en San Xoán do Monte; Cantabria 300, en Teis; Vía Traída das Augas, en Cabral; Camiño Igrexa 113, en Valadares; Baixada á Praia, en Saiáns; a praia de Santa Baia, en Alcabre; Camiño Galindra, en Castrelos; a Escola Infantil Vila Laura; os colexios Mestres Goldar e Valle-Inclán; o campo de fútbol das Relfas, en Sárdoma; e o parque de Navia.