Escoitar

Abel Caballero: “É un clamor que hai que facer un novo encoro para embalsar auga e a Xunta non quere”

O alcalde cualifica de “escándalo” que a Xunta sitúe no ano 2070 a solución aos problemas de abastecemento e reclama iniciar de inmediato unha infraestrutura que leva 15 anos demandando e que tódalas administracións subscribiron no ano 2022.

venres, 28 ago 2026

Caballero reclamou novamente á Xunta de Galicia a construción dun novo encoro augas arriba de Eiras, no río Oitavén, para aumentar a capacidade de almacenamento de auga e afrontar os episodios de seca. “É un clamor en Vigo. En Vigo hai auga, o problema é que non hai auga embalsada para soportar as secas”, afirmou o rexedor, que lamentou a negativa da administración autonómica a acometer a infraestrutura.

O alcalde criticou especialmente que a Xunta sitúe no ano 2070 o horizonte para resolver as necesidades de abastecemento. “É un escándalo o que está sucedendo aquí”, afirmou, contrapondo ese prazo coa situación actual, na que se están realizando recomendacións para un consumo responsable da auga. “Estanse burlando desta cidade. É dunha gravidade extrema”, asegurou.

Por ende, insistiu en que é necesario anticiparse ao problema porque a construción dun encoro require tempo e lembrou que leva 15 anos reclamándoo. “Hai que empezar de forma inmediata”, sinalou. Caballero recalcou ademais que a nova presa non é unicamente unha proposta municipal, senón que aparece no estudo elaborado e financiado conxuntamente pola Xunta de Galicia, o Goberno de España e o Concello de Vigo: “Está acordado, está debuxado e aparece no estudo que fixemos e pagamos os tres xuntos”.

O rexedor advertiu tamén das consecuencias que a falta de garantía no abastecemento pode ter sobre a actividade económica e industrial. Lembrou que durante a seca de 2017 a Xunta chegou a plantexar a paralización de Stellantis e da industria viguesa se continuaban os problemas de auga. “Cando unha empresa quere vir a Vigo e escoita que hai problemas de abastecemento, dúbida”, afirmou, apuntando incluso á posibilidade de que algunha empresa puidese ter descartado instalarse na cidade por este motivo.

Caballero defendeu que os problemas actuais na área demostran a necesidade de actuar. Referiuse ao abastecemento de Baiona, para o que Vigo ofrecerá unha solución tras a reunión co seu alcalde; á reparación das filtracións na condución cara a Moaña; e á subministración de auga potabilizada a Cangas desde as instalacións viguesas. Neste sentido, reivindicou que é o Concello quen está dando resposta a dificultades que afectan a diferentes municipios da contorna.

O alcalde rexeitou igualmente as cifras ofrecidas pola Xunta sobre as perdas na rede municipal. Fronte ás porcentaxes do 30%, 25% e 20% citadas sucesivamente desde a administración autonómica, Caballero cifrou as fugas reais de Vigo no 6,3%, que definiu como “as menores de toda Galicia e das menores de España”.

“A auga é o ben e a riqueza do futuro. É o máis importante que hai neste momento”, concluíu Caballero, que reclamou directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que responda pola decisión de non acometer agora o novo encoro. Para o alcalde, esperar ata 2070 significa non afrontar un problema que xa está afectando ao consumo e que pode condicionar tanto á cidadanía como ao desenvolvemento económico de Vigo.

Descargar todas as imaxes