O rexedor celebra a rectificación da Deputación sobre Peinador e reclama á Xunta que financie un terzo dos voos
Abel Caballero valorou o cambio de postura da Deputación de Pontevedra, que se abre agora a participar no financiamento de novas conexións aéreas desde Vigo, e reclamou á Xunta de Galicia que confirme que achega un terzo do custo dos voos para repartir o investimento entre as tres administracións.
O alcalde considera que esta negativa provocou un atraso de varios meses na posta en marcha das novas rutas. “Levamos máis de nove meses pedindo que se financien voos en Peinador e isto xa podería estar operativo”, afirmou.
Caballero explicou que o Concello leva meses mantendo contactos coas compañías aéreas e asegurou que as negociacións se atopan “moi avanzadas e practicamente pechadas”. Segundo expuxo, Vigo estaría en condicións de avanzar de forma inmediata na contratación unha vez que exista un compromiso económico das outras dúas administracións. “Nós poderiamos asinar hoxe mesmo cunha compañía. Temos a negociación avanzadísima, pero falta que a Xunta diga que vai pagar o terzo que lle corresponde”, explicou, insistindo en que a fórmula debe ser a mesma para as tres administracións: un terzo a cargo do Concello de Vigo, un terzo da Deputación de Pontevedra e un terzo da Xunta de Galicia.
Así, reclama á Xunta que aplique na terminal olívica o mesmo criterio que, segundo afirmou, utiliza no aeroporto de Santiago, onde existen achegas económicas destinadas a garantir conexións aéreas. “Estou esperando que a Xunta diga que paga. En canto o confirme, arrancamos”, concluíu.