O Goberno municipal destina 47.000 euros á reparación de beirarrúas danadas polos temporais
O alcalde anunciou este xoves o inicio, a mediados de agosto, dun importante número de obras pola vía de urxencia coa finalidade de reparar as lousas das beirarrúas municipais deterioradas polo mal tempo rexistrado este inverno.
Caballero explicou que o contrato aprobado conta cun investimento de 47.000 euros, que pode ser ampliado, no caso de que sexa necesario. O obxectivo é eliminar as baldosas e repoñer o pavimento danados polos sucesivos temporais.
O alcalde apuntou que o Concello bacheou as vías deterioradas polo mal tempo, á vez que indicou que está en marcha o plan de asfaltado en 372 rúas de Vigo. Amais, o Goberno municipal destinou un millón de euros a reparar os muros de Camiño Igrexa, en Valladares; Rúa Baixada á Praia, en Saiáns; Vista do Mar en San Xoán do Monte; rúa Cantabria nº 300 e Vía Traída das Augas, de Teis.
“Podemos acelerar todas estas obras porque temos financiamento”, afirmou ao lembrar que os danos dos temporais non son exclusivos de Vigo.