O SPARC mobiliza 110 millóns de euros en Vigo
O alcalde visita as oficinas do proxecto SPARC, que dotará a Vigo da única fábrica de chips fotónicos de España e unha das tres de Europa. O proxecto suma 31 millóns de euros de investimento público directo.
A planta de semicondutores fotónicos de SPARC, que se está construíndo no PTL de Valadares, suma ata o de agora un total de 110 millóns de euros de investimento entre capital, subvencións e préstamos. A iniciativa, que dotará a Vigo da única fábrica de chips fotónicos de España e unha das tres únicas de Europa, logrou unha nova axuda do Goberno de España que ascende a 6,25 millóns de euros, enmarcada nos fondos europeos para Incentivos Rexionais. Esta partida para o único proxecto galego que recibe estes fondos, desbloqueará ademais outros 56,8 millóns de euros de financiamento e suporá manter os postos de traballo e a creación de outros 90 empregos.
O alcalde visitou as oficinas de SPARC este xoves xunto a David Regades, delegado do Estado na Zona Franca; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e a terceira tenente de Alcaldía, Elena Espinosa, onde foron recibimos Francisco Soares, director tecnolóxico do proxecto. O investimento público directo no proxecto é xa de 31 millóns de euros, tanto en capital como en subvencións, coa achega directa do Goberno de España a través da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT) con 17,2 millóns de euros; case 12 millóns en subvencións e 3 millóns de euros de Vigo Activo, a sociedade de capital risco da Zona Franca. O resto, ata os 110 millóns de euros mobilizados ata o de agora, complétanse co capital privado de 20 millóns de euros de INDRA e arredor doutro millón de euros do resto dos inversores.
Abel Caballero agradeceu o liderado de Vigo e da Zona Franca no proceso de SPARC e recalcou que é un proxecto que marca un fito para a cidade inimaxinable hai dúas décadas. “Un proxecto que se sitúa nos sectores máis estratéxicos da economía actual e faino desde Vigo, reforzando o sistema tecnolóxico industrial de España. Falamos de industria de alto valor engadido, dun proxecto xerado no ámbito da investigación na Universidade de Vigo, e do encontro deste talento universitario coa Zona Franca de Vigo”. O delegado de Zona Franca, David Regades, amosou a súa satisfacción ante a última subvención lograda para a fábrica viguesa. “É unha gran noticia para a planta de semicondutores porque se trata dun novo apoio do Goberno de España aos proxectos da Zona Franca de Vigo. Desde o primeiro momento o Goberno avalou a nosa decisión de entrar neste novo sector industrial que é a fotónica e esta é outra nova mostra diso. Ademais, consolida á cidade de Vigo na soberanía tecnolóxica de semicondutores de Europa, contribuíndo a crear emprego de calidade e tamén contribuíndo desde Vigo á independencia tecnolóxica de España e Europa e desde o Consorcio da Zona Franca”. O delegado do Goberno destacou que esta nova axuda supón un paso máis no compromiso firme do Goberno de España con Vigo e coa súa capacidade para liderar proxectos estratéxicos de alto valor engadido. “Estamos investindo no futuro, apoiando unha iniciativa que vai situar a Vigo e a Galicia no mapa europeo dos semicondutores fotónicos, un sector chamado a desempeñar un papel decisivo na transformación tecnolóxica e industrial das vindeiras décadas”. Neste sentido, puxo en valor a colaboración entre administracións e destacou o papel do alcalde de Vigo e del delegado da Zona Franca no impulso desta iniciativa. “Cando as institucións colaboran cun obxectivo compartido, os proxectos avanzan e as oportunidades convértense en emprego, inversión e progreso para a cidadanía”.
Durante a visita, o grupo de enxeñeiras e enxeñeiros que conforman o núcleo tecnolóxico do proxecto explicaron o tipo de traballo que desenvolven e as súas motivacións para formar parte de SPARC. Pedro Blanco concluíu sinalando que la nova planta de SPARC é “un exemplo da nova Galicia industrial que estamos a construír” e engadiu que “Vigo sempre atopará no Goberno de España un aliado para seguir medrando, innovando e liderando o futuro”.
En canto á fábrica, as obras de construción están a desenvolverse nos prazos previstos, manténdose a estimación de estar finalizada no vindeiro verán de 2027.