Escoitar

Caballero e Míchel Salgado abordan a próxima edición da MS2 Cup

O alcalde mantivo este xoves unha reunión con Míchel Salgado para avanzar na organización dunha nova edición da MS2 Cup en Vigo o próximo verán. O proxecto reunirá academias internacionais de fútbol nun gran torneo dirixido a nenas e nenos.

xoves, 6 ago 2026

O alcalde cualificou o encontro como “moi produtivo e interesante” e anunciou que o Concello e o exfutbolista comezarán a traballar de maneira inmediata no desenvolvemento da nova cita deportiva. Ademais, avanzou que a MS2 Cup contará cun acto especial na Porta do Sol, que achegará o torneo ao centro da cidade e permitirá compartir coa cidadanía a dimensión internacional desta cita deportiva.

“Queremos traer a Vigo a experiencia do máximo nivel na formación internacional de nenas e nenos en fútbol e celebrar un gran torneo de academias internacionais cos mellores”, explicou Caballero. O rexedor puxo en valor a traxectoria de Míchel Salgado, antigo xogador do Real Club Celta, o Real Madrid e a selección española, así como o traballo que actualmente desenvolve a través de academias de fútbol en distintos países. “É un dos nosos grandes referentes do deporte e do fútbol na cidade”, destacou.

A nova edición dará continuidade á MS2 Cup celebrada en 2026, que reuniu na Cidade Deportiva da Madroa a máis de 4.500 participantes procedentes de 22 países. A competición contou con equipos de fútbol base de entidades como o Celta, Real Madrid, Betis, Deportivo, Espanyol, Athletic Club, Porto, Braga e Benfica, ademais de conxuntos procedentes de Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudí e Australia. “Míchel Salgado quere traer este proxecto a Vigo e imos traballar xa con el para desenvolvelo o próximo ano”, concluíu o alcalde.

Descargar todas as imaxes