Escoitar

O Concello avanza na exposición do 200 aniversario de Julio Verne no Auditorio Mar de Vigo

Abel Caballero avanzou este xoves a contratación da mostra inmersiva “Jules Vernes 200” por 2.056.368 euros. “Unha acción extraordinaria que vai facer que Vigo sexa centro de atención dunha parte importante de Europa, porque Julio Verne e o capitán Nemo van revivir na cidade e nós estaremos con eles nunha exposición coas últimas tecnoloxías”, afirmou.

xoves, 6 ago 2026

O Concello instalará a exposición na planta baixa do Auditorio Mar de Vigo tras as obras de reforma do local que contarán cun investimento de 1,8 millóns de euros.

Caballero explicou que o novo espazo, alén da mostra de proxección internacional, acollerá no futuro distintas actividades e congresos. “Engadimos un novo espazo para congresos na cidade”, remarcou.

A sala rectangular na que se instalará a exposición conmemorativa do segundo centenario do escritor francés contará con sete ámbitos temáticos, instalados en catro espazos diferenciados: introdución, inmersiva, metaverso e Julio Verne e Vigo. Os temas arrincarán por unha das obras significadas do autor “20.000 leguas de viaxe submarina”, para continuar coa batalla de Rande, o capitán Nemo na ría de Vigo, un tesouro perdido. A estes sumaranse realidade e mito do tesouro perdido, as edicións de “20.000 leguas de viaxe submarina” e Julio Verne en Vigo, o legado continúa. 

O alcalde incidiu en que o deseño da producción se adaptará ao novo espazo expositivo. Durante seis meses a cidadanía de Vigo poderá contemplar unha mostra “única”, afirmou Caballero. “Quero que a vexa todo Vigo, que vaia toda a cidade á mostra inmersiva, porque terá sesións de mañá e de tarde. Terán algo que non viron nunca, porque se trata dunha mostra inmersiva con metaverso que vai iniciarse en Vigo”.

Finalizada a exposición en Vigo trasladarase a París en 2028.

 

Descargar todas as imaxes