Vigo arranxará o paseo do Lagares ante a inacción da Xunta de Galicia
O alcalde censurou a desidia do Goberno autonómico coa súas competencias na cidade, logo de que derive ao Concello a responsabilidade das obras na conca do Lagares.
Abel Caballero explicou que os desbordamentos do río durante a primavera provocaron danos importantes nun tramo do paseo próximo a Castrelos, entre a rúa Baixada á Ponte Nova e a rúa Baixada ao Pontillón. “Foi tan forte que tivemos que pechar o camiño, porque desapareceu unha parte e segue sen poder usarse”, explicou o rexedor.
Dada a situación, o Concello enviou no mes de xuño un requirimento á Xunta de Galicia para que realice as obras necesarias de estabilización e reparación na ribeira do Lagares. “E contestaron pedindo máis papeis e dicindo que o temos que facer nós. A competencia exclusiva dos ríos é da Xunta e resulta que o río ten inundación e ten que pagalo a o Concello porque a Xunta di que non? Isto é o continuo da Xunta en Vigo. Dinos que o paguemos nós. Imos facelo pero, unha vez máis, a Xunta non quere pagar o que ten que pagar”.
Así, o Concello executará as obras de reparación do tramo do río Lagares afectado polos desbordamentos, que deixou en desuso o paseo peonil e que se atopa pechado por motivos de seguridade.