Caballero: “A humanización de Lepanto é un fito porque acaba coa época na que Vigo asumía un scalextric no centro”
O alcalde inaugurou este venres a rúa tras as obras de humanización nas que se investiu máis dun millón de euros. “Unha reforma excepcional”, que representa “unha forma diferente de ver a cidade”, polo que anima á cidadanía a “coidar, camiñar e vivir” a renovada rúa Lepanto.
Abel Caballero destacou o alcance da transformación da rúa Lepanto, tras rematar as obras de humanización, porque completan a mellora de toda a contorna coa construción do túnel de acceso directo á autoestrada, a edificación do complexo comercial e ferroviario de Vialia e a reordenación da praza da estación. A rúa, alén de contar con beirarrúas ampliadas e cunha nova rede de servizos, dispón de 19 novos farois, así como 22 árbores, e novos bancos e papeleiras. “A rúa é completamente diferente”, recalcou.
O alcalde incidiu en que as melloras inauguradas hoxe poñen fin a medio século de historia dunha rúa que chegou a estar seccionada pola instalación do coñecido como scalextric, que non chegou a utilizarse nunca, que “significaba que a rúa Lepanto contaba cunha estrutura que rompía e ocupaba” todo o espazo, ata que no seu cargo como ministro de Fomento ordenou a supresión da vía, quedando pendente a estrutura da rúa Alfonso XIII que foi demolida en 2021.
Párroco don Camilo
Caballero avanzou o acordo da Xunta de Goberno polo que se aproba definitivamente o proxecto de expropiación por taxación conxunta dos terreos do Plan Especial de Infraestruturas para o novo acceso ao colexio Párroco don Camilo, en San Andrés de Comesaña. Conta cun investimento de 400.000 euros.
O alcalde destacou que o centro contará cun novo acceso de 16 metros, polo que o investimento global nestas obras ascende a 1.300.000 euros. Lembrou que a obra acumula catro anos de atraso porque a Xunta non permitiu ao Concello aplicar a “Lei Vigo” e finalmente adaptouse ao PXOM. O proceso de expropiación finalizará dentro de tres meses, para comezar as obras de forma inmediata.