O Concello denuncia o desmantelamento da sanidade pública de Vigo, sen pediatras tamén en Lavadores
Abel Caballero denunciou hoxe a falta de atención pediátrica no centro de saúde de Lavadores en agosto pola falta de previsión do Sergas ao non cubrir as vacantes dos especialistas por vacacións de verán e baixa médica.
O rexedor afirmou que a xestión sanitaria en Vigo é unha “catástrofe” como consecuencia da falta de profesionais sanitarios nos centros de saúde a consecuencia da falta de cobertura das vacantes. Así, afirma que a situación de centros como o de Lavadores, sen consultas de pediatría en agosto, é “outra lagoa importantísima” na atención sanitaria na cidade. “De novo unha carencia importantísima na saúde de Vigo” sen que o presidente da Xunta “dea explicacións”.
O alcalde censura a actitude dos edís do PP de Vigo “por estar calado e non defender os intereses da cidade”.