O Concello instala o primeiro tramo da malla que sosterá a cuberta da nova grada de Gol
As obras de construción da nova grada de Gol avanzan coa colocación do primeiro tramo da estrutura metálica sobre a que se apoiará a cuberta. A instalación contará con 16 tramos, 6 frontais cara o terreo de xogo e 10 traseiros.
“Seguimos avanzando a moi bo ritmo na construción da grada de Gol. Onte alzamos e instalamos o primeiro tramo de malla que sostén a cuberta”, explicou o rexedor. As barras e bólas que integran a estrutura ensámblanse previamente sobre o terreo e, unha vez completados os distintos tramos, son elevados mediante un guindastre para situalos sobre os piares da nova bancada.
De forma simultánea, estanse a executar as divisións dos espazos interiores, os traballos de albanelaría e carpintaría, o illamento e as pavimentacións, ademais da instalación das redes de saneamento. Caballero lembrou que os 791 novos asentos xa foron instalados, preparados e postos á disposición do Real Club Celta. Estas localidades permitirán duplicar aproximadamente o espazo que ofrecía a bancada supletoria utilizada durante a pasada tempada e facilitarán o uso parcial de Gol mentres continúa a obra.
“A obra estará acabada a finais deste ano e seguimos coa previsión de que a grada de Gol estea operativa no ano 2027”, afirmou o alcalde. A nova bancada contará con máis de 7.000 localidades e elevará o aforo total do Estadio Municipal de Balaídos ata os 31.000 espectadores. O rexedor avanzou tamén que, de cara á candidatura de Vigo como sede do Mundial de 2030, o proxecto prevé ampliar a grada de Tribuna para que Balaídos alcance os 43.000 espectadores esixidos para acoller os encontros da competición. “Vigo vai ser mundialista e o Celta terá un estadio con máis de 40.000 persoas de aforo”, concluíu.