Escoitar

Vigo inicia a montaxe das luces do Nadal 2026

“Arrancamos co Nadal de Vigo”, nunha nova edición na que “vai haber grandes novidades”, anuncia o alcalde desde a Porta do Sol, onde hoxe comezaron os traballos de montaxe da iluminación que este ano supera os 12 millóns de luces LED.

mércores, 29 xul 2026

Abel Caballero participou este mércores no inicio da montaxe das luces, un acto no que un gran arco, dous bonecos de neve e algún outro elemento avanzaban as cifras do vindeiro Nadal na cidade: “Máis de 12 millóns de luces LED, 500 rúas iluminadas que van formar parte do gran Nadal, 7.000 motivos ornamentais, 2.700 árbores e 1.200 arcos”, resumiu.

Tal e como explicou, as rúas funcionarán como corredores establecendo un percorrido pola iluminación e a ornamentación que enche a cidade durante dous meses creando diferentes ambientacións.

O alcalde convidou a “toda España a que veña a Vigo e que goce do Nadal”, unha celebración “coñecida en todo o planeta”, logo de que a cidade “lanzase unha forma nova de entender esta festa, unha forma completamente diferente e adaptada ao século XXI”. Nestes momentos, valorou, o Nadal de Vigo “xera unha marca, a marca Vigo, a marca Nadal e por tanto a expectativa que nunca defraudamos” e coa que a cidade logrou atraer “millóns de persoas de tantos lugares do mundo”.

Para este 2026, avanzou Caballero, haberá “grandes novidades” nun Nadal “renovado, axeitado aos tempos actuais”.

 

Descargar todas as imaxes