Escoitar

A Gala dos Vigueses Distinguidos 2026 permitiu reivindicar unha cidade que ten na unión a súa forza

O Auditorio Mar de Vigo acolleu onte a Gala de Vigueses Distinguidos 2026, un acto no que se recoñeceu a 24 entidades e persoas que contribúen ou contribuíron a facer cidade. No acto, o alcalde reivindicou as políticas municipais para seguir a impulsar unha cidade que xa é un referente imparable.

venres, 27 mar 2026

Abel Caballero reivindicou o valor do ámbito local e a importancia de mirar cara ao futuro, destacando as políticas municipais para facer evolucionar a Vigo e mellorar en gran medida as carencias herdadas, dixo que “non nos deteremos na procura dun futuro mellor”. Subliñou a aposta do Concello pola política social, educativa, medioambiental e de vivenda, entre outras, así como o compromiso da cidade coa mellora das infraestruturas e do transporte aéreo e ferroviario. No seu discurso mencionou algúns dos proxectos que se están a desenvolver, como o Vigo Vertical ou a construción do novo estadio de Balaídos; tamén a humanización de “centos de rúas, no centro e nas parroquias” e o papel clave que ten o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O rexedor referiuse na súa intervención aos novos perigos que estamos a vivindo como sociedade porque “asistimos a unha ofensiva que se basea no desmantelamento dos avances sociais e dos dereitos humanos, conseguidos trala segunda guerra mundial” e recalcou que “neste escenario, desde o ámbito local, desde Vigo, é a nosa responsabilidade liderar unha marcha social conxunta”. Rematou reivindicando que Vigo ten que ser un “un espazo de referencia” para que toda Galicia camiñe da man e “avanzar xuntos”.

A Gala de Vigueses Distinguidos premiou a entidades e persoas referentes en diferentes ámbitos, como o educativo, o social, o económico, o cultural ou o deportivo. Tamén se fixo entrega das dúas Medallas de Ouro da cidade ao Colexio María Inmaculada-Carmelitas e ao empresario José García Costas. O pregón do evento estivo a cargo da catedrática en astrofísica Ana Ulla, quen destacou a valentía, a identidade e a resistencia do pobo vigués vixente desde a Reconquista de 1809 e a importancia de evitar as guerras, sexan do tipo que sexan. A cerimonia, que foi un ano máis o lugar onde recoñecer a labor de persoas e institucións pola cidade de Vigo, comezou e rematou coa actuación dos coros dos institutos Álvaro Cunqueiro e Alexandre Bóveda.

Os premiados como vigueses e viguesas distinguidas foron: o IES Alexandre Bóveda polos seus 50 anos na labor da educación secundaria; o IES Álvaro Cunqueiro polo seu deseño educativo excepcional; Rosa Fontaíña, que foi pioneira na loita contra a violencia sobre as mulleres na cidade; Gonzalo Davila pola sua labor durante tantos anos como director de Cáritas Diocesana Tui-Vigo; a Fundación Menela polos seus 50 anos de historia dedicada á atención das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e das súas familias; Vida Digna, asociación sen ánimo de lucro nacida en Vigo, que cumpriu 20 anos atendendo ás persoas desfavorecidas; Disgobe, distribuidora de bebidas e alimentación, creada na cidade hai 50 anos; Ardora, especializada no sector naval, polo medio século de existencia; Denso polo seu 20 aniversario dedicado á produción de sistemas de climatización; a Asociación Provincial de Representantes de Comercio, en recoñecemento ao seu apoio ao sector comercio durante tantos anos formando parte da historia de Vigo e da provincia; o Club Deportivo Nieto polos seus 90 anos facendo historia do deporte en Vigo; o Club Deportivo Bembrive Fútbol Sala pola súa traxectoria de 25 anos apostando polo fútbol sala femenino; o Gran Peña Fútbol Club polos cen anos rendendo homenaxe á paixón de Vigo polo fútbol; o Club Sieiro Acrobacias Vigo, pioneiro na ximnasia acrobática que cumpre 25 anos repleto de medallas e éxitos; José Alfonso González, fundador do Alerta Navia, por unha vida adicada ao deporte de base na cidade; o Circuito de carreiras populares RunRun Vigo, como grande evento que mobiliza durante tanto tempo ao atletismo urbano; a Coral Polifónica da Unión Veciñal, Cultural e Deportiva de Candeán que cumpriu 50 anos de traxectoria levando o nome de Vigo; José Manuel Nogueira Rey, profesor e dinamizador cultural, e corazón da Asociación Cultural O Coto polo seu gran labor na promoción da música e do baile tradicional galego; a título póstumo, Mingos Teixeira, grande e excepcional artista pola súa intensa e inesquecible traxectoria creativa; a título póstumo, Patricio Sánchez Bello, catedrático na área de Estatística e Investigación Operativa e director da Escola de Comercio; a título póstumo, Gerardo Fernández Costa “Gerardiño”, motor e cofundador do proxecto DisCamino; e a título póstumo,Fernando Franco, gran cronista de Vigo e memoria viva da cidade dende as páxinas de Faro de Vigo.

Descargar todas as imaxes