O Concello avanza nas obras de humanización da rúa Tomiño en Coia
A Xunta de Goberno aprobou hoxe a licitación das obras de humanización da rúa Tomiño, en Coia, por 600.000 euros. "Seguimos humanizando sen parar rúas de Vigo", recalcou Abel Caballero.
O alcalde apuntou que o proxecto municipal, que se executará en catro meses, conleva a reordenación dos espazos para os peóns e a mellora da accesibilidade peonil con novas beirarrúas.
As obras contemplan mellorar para a circulación viaria, alén da renovación das redes de abastecemento, saneamento, iluminación, enerxía, gas e telecomunicacións. A estes equipamentos sumarase o novo mobiliario urbano.