Escoitar

O Concello amosa o papel que desenvolveron “As mulleres de Castrelos”

O Pazo de Castrelos organiza un ciclo de visitas guiadas durante o mes de marzo centrado nas mulleres que viviron e levaron adiante a súa xestión ao longo da historia.

mércores, 4 feb 2026

“Queremos seguir poñendo de relevo o papel tan notable de tantas mulleres na cidade ao longo da súa historia”, explicou o alcalde, ao informar da posta en marcha dun ciclo de visitas guiadas para mostrar o “papel fundamental que desempeñaron as mulleres” que habitaron o pazo.

As visitas desenvolveranse no marco da programación do Día Internacional da Muller, que se conmemora o 8 de marzo, co obxectivo de “poñer en valor a presenza, o traballo e a influencia das mulleres vinculadas a Castrelos” de maneira que se ofrece unha lectura máis inclusiva e completa da historia de Vigo. Así, as persoas visitantes poderán achegarse a Joaquina Montenegro, que deu nome á Finca da Marquesa, ou a Mariana Whyte, esposa do último marqués de Mos e Valladares; e tamén a Antonia Bañuelos, que chegou ao Pazo no século XX, como segunda muller do Marqués de Alcedo, e quen foi unha das primeiras pintoras profesionais españolas.

O rexedor apuntou que as visitas gratuítas celebraranse tódolos mércores do mes de marzo, en horario de tarde, entre as 17 e as 18:30 horas, e organizaranse en grupos de ata 30 persoas.

Descargar todas as imaxes