O Concello atendeu en 2025 a 404 persoas con máis de 15.800 servizos dos Coidadores de Barrio
Son 38 usuarios máis que no ano 2024. Segundo explicou o rexedor, o 80% das persoas usuarias son mulleres e o 56 % teñen idades comprendidas entre os 76 e os 90 anos. O Concello inviste 610.000 euros ao ano neste programa de atención municipal. Abel Caballero tamén deu conta do dispositivo do frío que atendeu desde o 26 de xaneiro ao 1 de febreiro a 98 persoas sen teito.
Abel Caballero salientou que o obxectivo principal do programa é acompañar ás persoas maiores na realización de trámites e labores da súa vida cotiá fóra do domicilio, facilitando a súa autonomía e mellorando a súa calidade de vida. Neste sentido, ao longo de 2025 realizáronse 3.533 recados e paseos, 11.427 acompañamentos para compras en supermercados ou farmacias, 783 acompañamentos a consultas médicas e actividades de ocio, 89 xestións de trámites administrativos.
Ademais, o programa inclúe unha dimensión social orientada a motivar ás persoas maiores a participar en actividades colectivas, favorecendo a relación social e o mantemento dunha vida activa. Entre estas iniciativas figuran as viaxes en barco pola ría, asistencia a espectáculos, actividades específicas do programa municipal para maiores, uso de parques biosaludables, o tren turístico de Nadal e a festa de verán.
O alcalde destacou tamén que Coidadores de Barrio cumpre unha relevante función de inserción laboral, xa que no último ano 13 persoas atoparon outro emprego.
O dispositivo de frío atendeu a 98 persoas sen teito
O Concello continúa co dispositivo especial de frío destinado a garantir que todas as persoas sen teito que o desexen poidan durmir a cuberto durante os períodos de baixas temperaturas. Entre o 26 de xaneiro e o 1 de febreiro, o servizo municipal atendeu a un total de 98 persoas. Neste período, 22 persoas foron derivadas a albergues e o Concello asumiu o custo de 222 pernoctacións en hostais.
O rexedor explicou que o albergue municipal conta actualmente con 38 camas operativas, ás que se suman 3 prazas de emerxencia, permitindo dar cobertura ás necesidades máis urxentes. Ademais, o equipo de rúa reforza a atención directa ás persoas sen fogar mediante a distribución de bebidas quentes, mantas e a prestación de atención profesional especializada a través da Unidade de Rúa. Destacou tamén o compromiso orzamentario do Concello con este servizo esencial, cun investimento de máis dun millón de euros anuais destinado ao albergue municipal. Neste sentido, subliñou Caballero que Vigo é a única cidade de Galicia que conta cun albergue financiado integramente con fondos municipais.