Escoitar

“Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia”, amosa o rostro dos libros no Marco

Desde o 30 de xaneiro ao 17 de maio o Museo de Arte Contemporánea de Vigo acolle unha exposición que repasa as cubertas dos libros da Editorial Galaxia ao longo dos seus 75 anos de historia.

xoves, 29 xan 2026

O alcalde participou este xoves na inauguración da exposición xunto a Xosé Manuel Soutullo, director da Editorial Galaxia; Xurxo Martínez, comisario da exposición; Hayat Husein, responsable actual do deseño editorial de Galaxia, e Miguel Fernández-Cid, director do MARCO.

Caballero, presidente da Fundación MARCO, puxo en valor a traxectoria de Galaxia como “prolongación de Juan Compañel e Rosalía de Castro”, por ter publicado aos “nomes máis notables da historia contemporánea de Galicia” e destacou a relevancia das cubertas por “expresar o corazón do libro e penetrar na súa substancia”.

Xosé Manuel Soutullo expresou a ledicia de Galaxia que, con esta mostra, pon “o mellor colofón” á celebración dos seus primeiros 75 anos repasando “cuantitativa e cualitativamente” a súa traxectoria. O comisario da exposición, Xurxo Martínez, apuntou que se trata dunha “mostra para toda Galicia” e valorou o Marco como espazo expositivo na cidade onte “está a sede do libro galego”. Tamén destacou o desafío que supón para os deseñadores crear a cuberta dos libros porque deben “proxectar a idea do texto literario e captar a atención do público que entra nas librerías”.

“Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia” pon o foco no protagonismo e relevancia dos deseñadores que traballaron na editorial ao longo dos seus 75 anos de historia para traer ao primeiro plano o labor de deseño e imaxe da editora a través dunha mostra das cubertas, organizadas segundo criterios cronolóxicos e temáticos.

A mostra contextualiza a editorial como proxecto, dende as motivacións dos seus fundadores en 1950, ata os novos horizontes do actual equipo, con especial atención á figura de Xaime Illa Couto, motor de Galaxia ao longo de tantos anos, e figura esencial na concepción da súa liña estética. Organizada en catro seccións, coincidentes coas etapas á fronte do deseño editorial de Xohán Ledo (1950 -1970), Francisco Mantecón (1979 -1985), Manuel Janeiro (1979-2010), e Hayat Husein (de 2010 ata o presente). Inclúe tamén unha área adicada á literatura infantil, a medio camiño entre sala de exposición e espazo de experimentación.

Poderá visitarse no primeiro andar do Marco desde o 30 de xaneiro ao 17 de maio.

 

 

Descargar todas as imaxes