Vigo impulsa a ordenanza para regular as vivendas de uso turístico
Abel Caballero anuncia a aprobación en Xunta de Goberno do proxecto que garante a seguridade xurídica, a convivencia veciñal e o dereito á vivenda.
Caballero explicou que esta nova normativa se enmarca no novo PXOM, que xa regula o uso terciario para este tipo de actividades, e lembrou que se trata de establecementos destinados ao aloxamento temporal, sen carácter de residencia habitual.
A ordenanza establece a obrigatoriedade de contar co correspondente título habilitante como condición previa para a explotación da actividade. Segundo sinalou o rexedor, “esta actuación proporciona seguridade xurídica tanto aos titulares das vivendas como aos veciños e veciñas”.
Entre os puntos clave da normativa, destaca que as vivendas de uso turístico só poderán implantarse en edificios de uso completo destinados a este fin ou en plantas altas e baixas, sempre que se garanta a independencia de acceso respecto ás vivendas residenciais. Ademais, a ordenanza prohibe expresamente a implantación de vivendas turísticas naquelas que fosen obxecto de rehabilitación ou reforma con axudas públicas, así como nas que conten con algún tipo de protección.
Abel Caballero avanzou tamén que o Concello de Vigo poderá declarar, previo estudo e tramitación administrativa, determinadas áreas, barrios, rúas ou zonas do termo municipal como zonas saturadas ou de intensidade limitada para o uso de vivendas turísticas.
En canto á tramitación, o proxecto de ordenanza será aprobado inicialmente polo Pleno municipal e someterase posteriormente a información pública durante un prazo de 30 días hábiles, para que a cidadanía poida presentar alegacións ou suxestións. No caso de non existir alegacións, a ordenanza quedará aprobada definitivamente; se as houbese, será necesario elaborar o correspondente ditame e proceder á súa aprobación definitiva en Pleno.