O Centro de Documentación e Recursos Feministas programa máis de vinte actividades no primeiro semestre de 2026
Caballero destacou que a programación inclúe “cinco coloquios, seis presentacións de libros, seis propostas no club de lectura, charlas virtuais con centros de ensino, visitas escolares con inscrición previa e un obradoiro de escritura expresiva que se levará a cabo en doce sesións entre marzo e xuño”.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou a programación do Centro de Documentación e Recursos Feministas para o primeiro semestre de 2026, que se desenvolverá entre os meses de xaneiro e xullo, cunha ampla proposta cultural, formativa e educativa centrada na igualdade, o pensamento feminista e a memoria das mulleres.
No apartado de presentacións de libros, o alcalde sinalou que a programación arrinca hoxe xoves coa presentación de Ítaca, de María Besteiros, ás 19.00 horas. No mes de febreiro presentarase Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes, de Alba Rodríguez Saavedra; o 10 de marzo será a quenda de Un mundo que no vi, de Susana Maceira; o 7 de abril, El último refugio, de Isabel Parreño; o 19 de maio, Las trampas de la pornografía, de Chis Oliveira, Amada Traba e Priscila Retamozo; e o 2 de xuño, María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo, de Aurora Marco.
A programación complétase cun ciclo de conferencias, que comezará o 10 de febreiro coa charla 40 anos despois, a loita das Nais contra a droga, da Asociación Érguete. O 17 de marzo abordarase Os puntos cegos da violencia machista, a cargo de Silvia Pérez Freire; o 14 de abril celebrarase a conferencia Begoña Caamaño: memoria, voz e irmandade en Mulleres nacionalistas galegas, impartida por Luisa Ocampo; o 12 de maio terá lugar As mulleres na opinión galega: as cotas e o elefante rosa, de Claudia Morán; e o 11 de xuño pecharase o ciclo con As feministas galegas, claves na transición democrática, de Mónica Bar.
O club de lectura contará con seis sesións ao longo do semestre: o 25 de febreiro con Un amor, de Alejandro Palomas; o 25 de marzo con O libro da filla, de Inma López Silva; o 29 de abril con O verán sen homes, de Siri Hustvedt; o 27 de maio con El verano en que mi madre tuvo los ojos verdes; o 30 de xuño con Nosotras que nos queremos tanto, de Marcela Serrano; e o 26 de xullo con El vagón de las mujeres, de Anita Nair.
No ámbito educativo, o Centro de Documentación e Recursos Feministas ofrecerá charlas virtuais con centros de ensino, centradas na violencia sexual entre a mocidade e nas relacións afectivas desde a perspectiva do coidado e do autocuidado, así como visitas escolares para alumnado desde 4º de Educación Primaria ata 2º da ESO, todas elas con inscrición previa.
Entre marzo e xuño desenvolverase tamén un obradoiro práctico de escritura expresiva, impartido por Marisé Barreiro, composto por doce sesións.
Finalmente, Abel Caballero anunciou que o Centro de Recursos Feministas participará no mes de xuño na Feira do Libro, reforzando así a súa presenza nos principais eventos culturais da cidade.