O alcalde anuncia o inicio de obras por importe superior aos 2 millóns de euros en febreiro
A mellora do Verbum, a reforma da grada do estadio de fútbol de Samil, a Biblioteca de Teis e a renovación do aglomerado do entorno da rúa Brasil son as obras que comezarán ao longo do mes de febreiro. O orzamento destes proxectos supera os 2 millóns de euros.
Caballero avanzou esta mañá que no mes de febreiro comezarán catro obras moi importantes para a cidade. En primeiro lugar, referiuse ás obras de mellora do Museo Verbum, cun orzamento de 250.000 euros.
Outra das obras que arrancarán o mes que vén será a renovación da cuberta da grada e o céspede de fútbol de Samil cun custo de 725.000 euros. A rehabilitación da grada comezará de forma inmediata e a do campo de fútbol no mes de xuño. Este proxecto incluirá a instalación dun novo terreo de xogo, a renovación das redes así como a construción dun novo peche perimetral.
A programación municipal tamén prevé comezar a construción da nova biblioteca de Teis, na rúa Enrique Lorenzo. Cun importe superior ao millón de euros, construirase un edificio arquitectonicamente “excepcional” de dúas plantas cun deseño en liñas rectas “moi sostible”. Contará con 86 postos de lectura nun inmoble totalmente adaptado para persoas con mobilidade reducida.
Por último, o alcalde mencionou a mellora da pavimentación do entorno da rúa Brasil, cun orzamento 106.000 euros e un prazo de execución de 4 meses. Actuarase nas rúas Brasil, Cuba, Santo Domingo e Guatemala renovando a capa de rodadura dos pavimentos, o firme e a protección das arquetas.