Abel Caballero participou este martes na sinatura do convenio entre Zona Franca e Asime para poñer en marcha a primeira Aceleradora de Innovación, Desenvolvemento de Negocio e Internacionalización en materia de Seguridade e Defensa, que será única en Europa. O acto foi clausurado pola secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce.
O rexedor vigués reuniuse esta tarde con representantes da Corporación Municipal Celaya (Guanajuato - México), cidades irmandadas dende o ano 2014 para promover intercambios económicos e culturais. Ambas as cidades están vinculadas pola intensa industria de automoción, presente en ambos os territorios e precisamente sobre este eixo pivota dita relación internacional. Os representantes de Celaya mostraron o seu interese en reactivar a relación co obxectivo de buscar acordos económicos que permitan unir sinerxias. Ademais do alcalde, na reunión participaron o delegado especial de Zona Franca, David Regades, a tenente de alcalde Carmela Silva, o secretario xeral de ASIME, Enrique Mallón, o secretario do municipio de Celaya, Daniel Nieto e representantes de diferentes empresas viguesas que traballan no país tricolor. Ademais da visita presencial, o alcalde mantivo unha charla por videoconferencia co seu homólogo mexicano e acordaron reiniciar e relanzar a relación económica entre ambos os territorios.
O Concello iniciou este martes a instalación de 2 das 4 ramplas mecánicas proxectadas en Pintor Colmeiro, entre Álvaro Cunqueiro e Tarragona, que mellorarán a mobilidade da zona ao completar o corredor mecánico entre López Mora e Hispanidade, ademais de facilitar o acceso ao centro de saúde, segundo apuntou este martes o alcalde tras avanzar que a obra conta cun investimento de preto de 2,5 millóns de euros.
O alcalde deu conta esta mañá da adxudicación de 111 achegas de emerxencia por importe de máis 25.000 euros. Sobre as críticas á política social do Concello de Vigo, Caballero retou ao resto de forzas políticas a que “digan un só sitio de Galicia con mellor política social que Vigo”.