Escoitar

Caballero lamenta a perda dunha facultade propia de Medicina na Universidade de Vigo

Abel Caballero lamentou este mércores que Vigo quedara sen facultade de Medicina como consecuencia do pacto que ratifica o acordo entre os reitores das universidades de Vigo, Santiago e A Coruña e os conselleiros de Sanidade e Universidades para descentralizar a docencia teórica e clínica en 4º,5º e 6º do grao. “Estou en absoluto desacordo”, recalcou.

mércores, 21 xan 2026

“Onte Vigo quedou sen Facultade de Medicina” afirmou o alcalde tras expresar o seu desacordo ao pacto “imposto pola Xunta e a Universidade de Santiago “ polo en que Vigo “non ten facultade de Medicina”.

Caballero incidiu en que Vigo é a cidade máis grande de España sen esta dotación educativa e “para unha universidade, Medicina é moi importante, e para un territorio como Vigo é moi importante porque os mozos que cursen Medicina terán a universidade á beira da súa casa”. Incidiu en que a cidade conta “con todo o que avala” para ter facultade propia. “A Xunta de Galicia segue concedéndolle privilexios medievais á Universidade de Santiago e asígnalle en exclusiva a Facultade de Medicina, porque é propiedade da USC”, recalcou o rexedor ao lembrar que a docencia de 1º, 2º e 3º mantéñense na súa totalidade na facultade de Compostela e 4º, 5º e 6º a metade tamén aí. “Por que ten que ser así?” cuestiona Caballero ao sinalar que PP e BNG “non defenden” os intereses da cidade.

Caballero incidiu en que fronte á única facultade de Medicina que existe en Galicia, nas comunidades de Castela e León existen 4, en Cataluña 8, en Andalucía 9, en Madrid 10, en Valencia 7, en Canarias 3, en Euskadi 2, en Navarra 2, en Murcia 2, En Castela A Mancha 2 e en Baleares 2. “Por que en Galicia só unha? Equivócanse todos?”, afirmou.

 

Descargar todas as imaxes