O Goberno municipal contrata a reforma do edificio da biblioteca de Teis
A Xunta de Goberno Local dará luz verde este venres á contratación da obra de reforma do inmoble, situado no número 54 da rúa Enrique Lorenzo.
O Concello investirá 1.033.000 euros na reforma do edificio no que se situará a futura biblioteca de Teis, que se distribuirá en dous pisos: no inferior estableceranse os servizos (baños, cuarto limpeza, almacén) e unha zona exterior con zonas verdes, mentres no piso superior estará a sala de lectura. En total, haberá 86 postos (36 na planta baixa e 50 na primeira planta).
Tal e como explicou o alcalde, trátase dun edificio totalmente adaptado para persoas con mobilidade reducida e “arquitectonicamente excepcional”. A fachada ten liñas rectas e foi deseñada mediante o sistema de fachada ventilada e grandes ventás seguindo criterios de arquitectura sostible e aforro enerxético, dous piares sobre os que se fundamenta este sistema de construción.