Escoitar

Abel Caballero: “A Praza de España será unha das grandes transformacións desta cidade”

O alcalde tamén informou de que comezou a expropiación dos terreos para a construción do novo acceso ao colexio Párroco Don Camilo.

xoves, 4 dec 2025

Caballero explicou este xoves que a Xerencia de Urbanismo aprobará o martes o convenio urbanístico da zona 7 da Praza de España, comprendida entre as rúas Emilia Pardo Bazán, Avenida de Madrid, Conde de Gondomar e Gran Vía.

Segundo debullou, ordenarase a zona para obter máis de 1.600 metros cadrados de zonas verdes e ampliar a beirarrúa da Gran Vía ata os 400 metros cadrados. Serán os propietarios os que teñan que facer a urbanización e os viarios perimetrais e nos solares resultantes poderán construír vivenda.

O alcalde lembrou que o Concello xa ten outros convenios aprobados na zona: a zona 3 (Pizarro, Puerto Rico e Honduras) e a zona 2 (entre Gran Vía e Pizarro). “A Praza de España lista para ser transformada a través dos convenios nunha praza semipeonil”.

Párroco Don Camilo

Caballero informou tamén de que xa comezaron as expropiacións para os novos accesos ao colexio Párroco Don Camilo, que permitirá que o transporte escolar chegue “practicamente” ata a entrada do centro educativo.

“Queremos seguridade para os nenos e as nenas do colexio. Quixemos facelo previamente e a Xunta non nolo permitiu”, aclarou o rexedor. “Agora redactaremos o proxecto de urbanización, logo o proxecto construtivo e posteriormente a execución da obra.

Os novos accesos terán unha zona verde e prazas de aparcadoiro para 24 coches e 2 autobuses.

Descargar todas as imaxes