Vigo súmase á campaña “Luces contra o cancro”
O Concello colabora coa Asociación Española contra o Cancro de Vigo na instalación dunha árbore na Praza de Compostela que irá acendendo progresivamente coas doazóns solidarias de apoio á investigación oncolóxica e ao traballo da entidade.
A cidade acolle este mércores a presentación da campaña nacional “Luces contra o cancro” que desenvolve a Asociación Española contra o cancro co obxectivo de “iluminar e dar forza á loita contra o cancro”, sinalou Abel Caballero, que trasladou o apoio municipal a esta iniciativa.
Tal e como avanzou, a árbore que quedará instalada na Praza de Compostela “vaise iluminando pouco a pouco a medida que a solidariedade vaia crecendo coas doazóns” á entidade. Esta axuda dedicarase á investigación oncolóxica porque “o cancro é unha das enfermidades máis importantes que hai neste momento”, de xeito que, segundo os datos da AECC, no ano 2024 diagnosticáronse 17 cancros cada día, un total de 6.371 anuais na provincia de Pontevedra.